Mundo

Investigadores da Universidade mexicana de Querétaro publican un dicionario otomí-español

A edición está composta de tres tomos con máis de 40 mil termos coa súa respectiva tradución, antónimos e aplicacións prácticas da palabra en cada frase.

Fonte: Noticieros Televisa

Os libros de texto das escolas públicas de Myanmar foron traducidos á lingua kayin

Expertos en lingua e literatura de Rangún traduciron unha serie de libros de texto para primaria á lingua kayin, para cumprir coas instrucións do ministro de Educación de Myanmar, segundo o que os manuais deben estar traducidos ás linguas étnicas para o seu uso nas escolas públicas.

Fonte: Myanmar Times

Taiwán loita por salvar as linguas indíxenas do país

O Goberno de Taiwán lanzou unha advertencia cultural este verán: a lingua nativa falada nunha aldea de aborixes Rukai está en risco de desaparición. O executivo comezou a reunir rexistros que poden salvar este dialecto, ademais doutros oito, de ser invadidos polo chinés mandarín, dominante no país.

Fonte: Voice of America

O Partido Quebequés planea establecer un exame de francés para presentarse a un cargo público en Quebec

Calquera persoa que queira presentarse a un cargo público en Quebec terá que demostrar primeiro que sabe falar francés, no caso de que Pauline Marois, líder do Partido Quebequés (Parti Quebecois), resulte vencedora nas eleccións. Esta foi unha das declaracións da líder do partido durante o anuncio das súas últimas promesas electorais sobre política lingüística.

Fonte: CTV News

O malabar, un idioma falado na India, aspira a conseguir o status de lingua clásica

O malabar podería obter o status de lingua clásica ao igual que outras linguas do sur da India como o támil, o telugú ou o canarés. Segundo as normas establecidas polo Goberno da India, unha lingua pode conseguir o status de clásica se ten unha historia de máis de 1500 ou 2000 anos, se ten un corpus de textos e literatura antigos considerado como patrimonio valioso por xeracións de falantes e no caso de que a súa literatura tradicional sexa orixinal, non copiada doutra comunidade de falantes, á vez que diferente da moderna.

Fonte: Deccan Chronicle

O portugués é a cuarta lingua máis usada en Twitter

O inglés está, como cabería esperar, moi por diante do resto das linguas dado que representa o 68 % dos contidos compartidos en Twitter. Ségueo o xaponés (7 %), español (4 %), portugués (3 %), indonesio (2 %) e ruso (1,5 %).

Fonte: Expresso

Suxiren declarar patrimonio cultural a lingua de signos arxentina

A necesidade dunha lei que recoñeza oficialmente a lingua de signos arxentina como patrimonio lingüístico e cultural, permitiría que todas as institucións educativas teñan intérpretes, así como tamén distintas organizacións da sociedade.

Fonte: El Litoral

O español, como “lingua global e profesional”, esperta un enorme interese na India

O director do Instituto Cervantes de Delhi, Óscar Pujol, destacou o “enorme interese” que existe na India polo español como “lingua global e profesional”. Nese sentido, tamén explicou que pasou de ser “case descoñecido” a un dos idiomas “máis demandados” polo público adulto e polos mozos estudantes.

Fonte: Empresa exterior

Os paraguaios loitan por preservar a lingua guaraní

O guaraní, a primeira lingua indíxena que comparte, xunto co español, o título de idioma oficial nun país de América Latina, chegou a internet pero cada vez o falan menos rapaces en terras paraguaias. Os analistas din que o idioma pode desaparecer en “dúas xeracións”.

Fonte: Globo

Un novo centro de linguas en Birmingham ensinará linguas estranxeiras aos nenos

Coa apertura do Centro de Aprendizaxe de Linguas Mandy e Pandy, os profesores ensinarán linguas estranxeiras aos nenos de ata 10 anos de idade. Nas clases, os profesores traballarán cos nenos e ensinaranlles español, chinés mandarín, francés, portugués, alemán e ata lingua de signos estadounidense.

Fonte: Observer & Eccentric

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder