Mundo

Aptis, unha ferramenta desenvolvida polo British Council, axuda ás empresas a avaliar o nivel de inglés dos seus executivos

O British Council desenvolveu unha ferramenta de avaliación do nivel de inglés que está deseñada para axudar ás organizacións a chegar a máis xente, conectar con eles e mellorar os estándares de inglés falado e escrito dos seus empregados.

Fonte: Daily Mail

Revelan que 64 linguas indíxenas de México están en perigo de extinción

Dos 16 millóns de mexicanos que se autodescriben como indíxenas, 7 millóns falan a súa lingua e pouco máis dun millón só falan esta lingua.

Fonte: Excelsior

Unha radio da cidade de Stayton, en Oregón, cambia o seu formato para pasar a emitir en español

Unha emisora de radio da cidade de Stayton, en Oregón, está cambiando o seu formato para ser unha emisora en lingua española mentres continúa a súa adaptación á era dixital.

Fonte: Statesman Journal

Un grupo de enfermeiras filipinas gaña unha resolución xudicial por discriminación lingüística

Un grupo de enfermeiras filipinas que aseguraban ter sido obxecto de burlas polo seu acento e obrigadas a falar “só en inglés” gañou unha resolución xudicial contra o Hospital Central de California.

Fonte: Los Angeles Times

Gravan un documental sobre a lingua indíxena mexicana zoque-ayapaneco, da que quedan só dous falantes

O zoque-ayapaneco, lingua indíxena de México, está a piques de desaparecer, pois só quedan vivos dous dos seus falantes. Para manter rexistrado en vídeo o que poderían ser os últimos suspiros da lingua indíxena, a cineasta mexicana Denisse Quintero decidiu gravar un documental.

Fonte: CNN México

A revista “Monocle” destaca a importancia da lingua portuguesa

A 57.ª edición da revista británica Monocle ten como tema principal o portugués. Segundo a propia revista, a lingua portuguesa está gañando forza e estase “volvendo unha lingua de intercambios, deporte e cultura”.

Fonte: Jornal de Negócios

A Conferencia Mundial da Lingua Hindi demanda a oficialización desta lingua nas Nacións Unidas

A novena Conferencia Mundial da Lingua Hindi, celebrada na cidade surafricana de Johannesburgo, ten como obxectivo a difusión da lingua hindi en diferentes zonas do mundo e está lista para aprobar unha proposta que a converta en idioma oficial das Nacións Unidas.

Fonte: News TR CK India

A Universidade de Alasca en Anchorage traballa na preservación das linguas nativas de Alasca

O Departamento de Estudos Indíxenas da Universidade de Alasca en Anchorage está facendo innumerables esforzos para manter ou revitalizar as linguas indíxenas de Alasca. Este ano, por primeira vez, os cursos de lingua incluirán o dena'ina, a lingua atabascana que orixinariamente prevalecía na zona de Anchorage.

Fonte: Anchorage Daily News

A emisora de radio irlandesa RTE emitirá un programa para falantes de irlandés de todo o mundo

O programa da emisora de radio RTE "Cruinneog" é unha nova serie pensada particularmente para a comunidade irlandesa de todo o mundo, incluíndo os estudantes de irlandés.

Fonte: Irish Central

Un político de Cimbabue suxire a funcionarios de educación que non falen en inglés

O viceministro cimbabués de Educación Superior, Lutho Tapela, suxeriu a funcionarios de educación, con motivo dunha cerimonia de graduación de profesores, que non debían celebrar o acto en inglés, senón nunha lingua vernácula, xa que todos os que se reunían para a ocasión entendían as linguas locais.

Fonte: The Zimdiaspora

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder