Mundo

Máis de 60 linguas conviviron en Londres durante os Xogos Olímpicos

Máis de 10 000 deportistas -6078 homes e 4841 mulleres-, procedentes de 205 países, conviviron na Vila Olímpica, onde se escoitaron 62 linguas distintas, de acordo cos datos facilitados polo portal PONS.com. Unha auténtica Torre de Babel en plena city londiniense, a capital multicultural europea por excelencia.

Fonte: El Economista

Unha proposta de lei en Brasil pretende que todos os produtos traian o manual de instrucións en portugués

O Congreso dos Deputados de Brasil está analizando un proxecto de lei para obrigar os provedores a informar sobre o modo de instalación e uso dos produtos con informacións claras, precisas e en lingua portuguesa.

Fonte: O Norte

Google e Microsoft estarán dispoñibles en lingua maia

O corporativo Microsoft Internacional achegará elementos técnicos e estrutura dixital en liña para incorporar a lingua maia a motores de busca de internet, especialmente Google, o que dará unha proxección incalculable aos proxectos de Mundo Maia.

Fonte: Milenio

Un estudo revela que estudar música favorece a aprendizaxe de idiomas

Un estudo realizado nos Estados Unidos desvela que os cativos que tocan algún instrumento ou van a clases de canto teñen máis facilidades para aprender idiomas. Di a investigación que amosan máis capacidade para focalizar a atención e teñen mellores respostas cerebrais fronte a sons complexos.

Fonte: CRTVG

O número de estudantes estranxeiros de portugués en Brasil duplicouse en 2012

A crecente importancia de Brasil no escenario económico internacional atrae cada día máis estranxeiros ao país. Na estela desta migración, a busca de cursos de portugués para estranxeiros duplicouse en 2012.

Fonte: Band

Os funcionarios da Secretaría de Acción Social de Paraguai iniciaron cursos de guaraní para mellorar a atención ao público

No marco do convenio asinado entre a Secretaría de Acción Social (SAS) e a Secretaría de Políticas Lingüísticas (SPL) de Paraguai, iniciáronse os cursos dirixidos a funcionarios para aprender o idioma guaraní.

Fonte: La Nación

Instan a estandarizar as linguas mozambicanas para impulsar o seu uso

Tal e como ocorreu coa lingua portuguesa no país, é primordial estandarizar os procedementos de uso das linguas mozambicanas para facilitar a súa aplicación en diferentes campos do coñecemento, en concreto na comunicación social.

Fonte: A Verdade

Unha petición en Suíza vai recoller 4000 sinaturas para integrar a lingua portuguesa no ensino postobrigatorio

A comunidade portuguesa en Xenebra lanzou por primeira vez unha petición para que a lingua portuguesa sexa integrada no ensino postobrigatorio deste cantón suízo.

Fonte: Sic Noticias

Unha escola dos Territorios do Noroeste, en Canadá, ofrece educación primaria en lingua tlicho

Por primeira vez en case 20 anos, as clases de educación infantil en Behchoko (Territorios do Noroeste) ofrécense en tlicho yati, a lingua dos habitantes da primeira nación tlicho. Con isto, os pais esperan que os seus fillos conecten coa súa cultura. Case 30 rapaces uníronse á inmersión en educación infantil, máis do dobre do esperado.

Fonte: CBC News

A nova Constitución Política de Bolivia será presentada en lingua de signos

O material será presentado en versión audiovisual accesible en lingua de signos boliviana (LSB) e audiolibro de lectura lenta. O obxectivo é facilitar o acceso da Constitución a persoas con capacidades diversas.

Fonte: Erbol

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder