Mundo

Os países africanos mostran pouco interese pola lingua rusa

Nas últimas dúas décadas, o estudo da lingua rusa diminuíu drasticamente entre a poboación africana debido á falta de interese xeral, ás limitacións económicas para acceder a programas de estudo e á falta de promoción de actividades culturais por parte das autoridades rusas.

Fonte: All Africa

Un encontro de axencias de noticias dos países de lingua portuguesa debaterá a creación dun portal conxunto

Representantes de axencias de noticias dos oito países que compoñen a Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) participaron na sexta Asemblea da Alianza das Axencias de Información en Lingua Portuguesa (ALP). Entre os temas que se debateron está a creación dun portal conxunto e a escolla do padrón ortográfico para o sitio web.

Fonte: Agência Brasil

A cidade de Moscova contará cunha guía de transportes en cinco linguas

O metro de Moscova anunciou unha licitación para elaborar unha guía de transportes en cinco idiomas e facilitarlles a vida aos turistas estranxeiros que visiten a capital rusa. O folleto será publicado en ruso, inglés, francés, alemán e chinés e ofrecerá mapas da cidade, o sistema completo de estacións, así como os percorridos en bicicleta, as vías acuáticas e as zonas peonís.

Fonte: The Moscow Times

A aplicación Vine, desenvolvida por Twitter, tradúcese a 19 linguas

A aplicación Vine, que permite crear e compartir vídeos curtos, estará dispoñible nun total de 19 linguas para os dispositivos móbiles iOS e Android. Estas son: dinamarqués, neerlandés, finés, francés, alemán, indonesio, italiano, xaponés, coreano, malaio, noruegués, portugués (Brasil), ruso, español, sueco, chinés simplificado, chinés tradicional, tailandés e turco.

Fonte: Mobilexpert

Un activista a prol da lingua bretoa é condenado por pegar autoadhesivos en sinais

Un home de 47 anos foi condenado a pagar unha multa de 7500 euros por pegar autoadhesivos que reclamaban unha sinalización bilingüe en sinais e carteis da cidade bretoa de Quimper (Bretaña).

Fonte: France TV

Os novos comercios e empresas que se instalen na vila galesa de Porthmadog deberían adoptar o uso do galés

Unha petición presentada no Concello galés de Porthmadog demanda que os novos comercios e empresas que se instalen na vila adopten o uso da lingua galesa. Na petición criticouse especialmente que as empresas Cadwaladers e Costa Coffee non empreguen a lingua vernácula.

Fonte: Cambiran News

Un grupo de lingüistas suxiren un plan para debater o Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa

Dous profesores e lingüistas brasileiros propuxeron na Asemblea da República portuguesa a constitución dun plan de traballo e dun sitio en internet dirixido a todos os países lusófonos para debater o Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa. "Estamos a conversar con universidades e outras institucións, e queremos animar todos os países de lingua oficial portuguesa a que entren no sitio www.simplificandoaorotografia.com e conversen connosco", declarou á axencia Lusa Ernani Pascoal, un dos promotores da iniciativa.

Fonte: Notícias ao Minuto

O mercado mundial abrirá as portas a quen fala portugués

A lingua portuguesa figura entre os dez idiomas estranxeiros que máis se demandarán nas próximas dúas décadas no mercado de traballo do Reino Unido, de acordo cun estudo do instituto British Council. É a primeira vez que a lingua de Camões entra nesta selecta lista, compartindo o status co español, o árabe, o francés, o chinés mandarín, o alemán, o italiano, o ruso, o turco e o xaponés.

Fonte: O Tempo

O Consello Rexional de Auvernia móstrase disposto a desenvolver medidas a prol da lingua occitana

Desde o ano 2008, unha lei francesa declara que "as linguas rexionais pertencen ao patrimonio de Francia". O Consello Rexional de Auvernia comeza a mostrarse favorable a desenvolver medidas a favor da lingua occitana para conseguir, en último termo, que esta lingua sexa unha baza cultural, turística e económica.

Fonte: France TV

Unha asociación estudantil ofrece cursos gratuítos de lingua corsa na Universidade de Córsega

Espertar o interese polo corso é o obxectivo da asociación estudantil Ghjuventù Vagabonda da Universidade de Córsega que ofrece cursos gratuítos desta lingua a todas as persoas interesadas.

Fonte: Corsica Infurmazione

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder