Mundo

O Goberno de Irlanda inicia plans para preservar e protexer a lingua irlandesa

O ministro irlandés de Estado das Zonas de Fala Irlandesa ("Gaeltacht"), Dinny McGinley, solicitou a diferentes grupos interesados a presentación de plans para a promoción e protección do gaélico irlandés.

Fonte: Independent

Grupos a prol da lingua irlandesa protestan para solicitar que o Goberno irlandés garanta os dereitos dos falantes de gaélico

Membros da asociación Conradh na Gaeilge e o organismo de representación estudantil Union of Students in Ireland (USI) levaron a cabo unha protesta diante do Parlamento irlandés para solicitarlle ao Goberno que garanta os dereitos dos falantes de gaélico.

Fonte: The Irish Times

O Vaticano autoriza a misa en linguas indíxenas en México

A pesar de que o español segue sendo a lingua da igrexa en México, xeracións de catequistas e misionarios católicos traduciron a Biblia para o tzotzil e o tzeltal, dúas linguas maias do estado de Chiapas. Agora o Vaticano deu luz verde á celebración da misa semanal e algúns rituais do catolicismo, como a confesión e o bautismo, nas linguas indíxenas.

Fonte: BBC

O Ministerio de Educación do Brasil lanza un programa de bolsas para o estudo do francés

O Goberno federal do Brasil lanzou un programa conxunto con Francia para conceder bolsas de cursos a distancia de francés elaborados pola Alianza Francesa, institución acreditada para realizar os exames de competencia en lingua francesa no Brasil.

Fonte: Zero Hora

Unha lei educativa permite que as escolas do estado de Oklahoma ofrezan ensino en linguas indíxenas

Unha nova lei aprobada polo Departamento de Educación do estado de Oklahoma (EUA) permítelles ás tribos indias e ás escolas abordar o descenso no número de falantes das linguas indíxenas.

Fonte: NewsOK

O estudo de linguas modernas redúcese á metade no País de Gales

O estudo de linguas estranxeiras reduciuse á metade nos últimos sete anos nos centros educativos do País de Gales debido á negativa de moitos alumnos de secundaria a estudaren linguas modernas.

Fonte: Wales Online

Un organismo cultural do Quebec anima os quebequeses a realizaren as súas compras de Nadal completamente en francés

O organismo cultural "Impératif français" anima os cidadáns quebequeses a frecuentaren establecementos comerciais cuxa lingua de traballo sexa exclusivamente o francés.

Fonte: La Presse

O Instituto do Oriente continúa apostando pola promoción do portugués en Macau

O Instituto Portugués no Oriente (IPOR) celebra 25 anos en 2014 apostando polo fomento e o uso da lingua portuguesa nas institucións públicas e privadas de Macau, declarou á axencia Lusa o seu director, João Laurentino Neves.

Fonte: Notícias ao Minuto

Un total de 3582 candidatos aproban o exame de proficiencia en lingua portuguesa para estranxeiros

A segunda edición deste ano do exame para a obtención do Certificado de Proficiencia en Lingua Portuguesa para Estranxeiros (Celpe-Bras), do Ministerio de Educación do Brasil, aprobou 3582 candidatos, o que corresponde ao 86,2 % dos 4154 inscritos. O certificado está aceptado internacionalmente en empresas e institucións de ensino.

Fonte: Correio do Estado

A asociación cultural Kevre Breizh reclama unha canle de televisión en lingua bretoa

A asociación cultural da Bretaña, Kevre Breizh, mostrou a súa vontade de participar na posta en práctica do Pacto sobre o Futuro da Bretaña, aprobado recentemente polo Goberno francés, e reclama a creación dunha canle de televisión en lingua bretoa.

Fonte: Maville

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder