Mundo

A Sociedade Filolóxica Friulana reclama máis iniciativas que promovan o ensino do friulano na rexión de Friuli-Venecia Giulia

A Sociedade Filolóxica Friulana demándalle á rexión de Friuli-Venecia Giulia que desenvolva todas as iniciativas necesarias para favorecer o ensino das linguas minorizadas nas escolas. En particular, demandan a realización dos cursos de formación en friulano para docentes.

Fonte: Messaggero Veneto

Presentan a nova Lei de linguas indíxenas nun encontro de mestres bilingües na cidade peruana de Cuzco

O Ministerio de Cultura do Perú, a través da Dirección de Cultura do Departamento de Cuzco, presentou os contidos da Lei de linguas indíxenas a preto de 200 profesores que asistiron ao Primeiro Encontro Rexional de Mestres Bilingües.

Fonte: Andina

A BBC estreará por primeira vez unha serie bilingüe inglés-galés

A serie de intriga Y Gwyll (Hinterland, en inglés), recentemente estreada na canle de fala galesa S4C, será retransmitida na BBC con diálogos tanto en inglés como en galés. É a primeira vez que estas dúas linguas desempeñan un papel prominente nun espazo de ficción da BBC.

Fonte: Cambrian News

Unha nova escola gratuíta bilingüe inglés-chinés abrirá en Londres

A escola Marco Polo Academy abrirá as súas portas no distrito londiniense de Barnet en setembro de 2014 e impartirá clases en inglés e chinés mandarín a nenos e nenas de entre 4 e 11 anos. A iniciativa nace no marco do plan de ensino gratuíto ("Free School") desenvolvido polo Goberno británico.

Fonte: The Telegraph

Un informe mostra que os salarios dos cidadáns indios que falan inglés con fluidez son un 34 % máis altos

Un informe recentemente publicado revela que os cidadáns da India que falan inglés con fluidez gañan un 34 % máis que os que non o fan. O estudo mostra tamén que só o 20 % da poboación india pode falar a lingua de Shakespeare e que apenas un 4 % o fai con fluidez.

Fonte: The Times of India

Unha campaña pide que o paxtún sexa unha das novas linguas da ferramenta de tradución de Google

Unha petición en liña reclama que o paxtún, unha das linguas oficiais de Afganistán, se engada aos máis de 70 idiomas de tradución de Google Translate. A iniciativa recibiu máis de 3000 sinaturas.

Fonte: Rfi

Unha axuda pública do Goberno galés financiará un sistema de recoñecemento de voz en lingua galesa

Unha axuda pública do Goberno galés e da canle de televisión S4C financiará o desenvolvemento dunha tecnoloxía de recoñecemento de voz en lingua galesa. O ministro principal de Gales, Carwyn Jones, declarou que esta tecnoloxía é necesaria para garantir o florecemento da lingua galesa no século XXI.

Fonte: BBC

O Goberno chinés esixe que os presentadores de televisión falen exclusivamente en chinés mandarín

A Oficina de Estado de Prensa, Radio e Televisión de China declarou que todos os presentadores de televisión deben falar en chinés mandarín e evitar os dialectos e todas as linguas estranxeiras co fin de promover a lingua estándar.

Fonte: Shanghaiist

O Goberno xaponés emprende a reforma do ensino da lingua inglesa no sistema educativo

O Ministerio de Educación do Xapón iniciou a reforma do ensino da lingua inglesa no sistema educativo co obxectivo de formar unha xeración de traballadores que poidan desenvolver un papel activo a nivel mundial. A nova reforma prevé que a aprendizaxe do inglés comece antes e permite impartir neste idioma algunhas clases do ensino medio.

Fonte: The Japan News

A Enciclopedia de China será traducida ao tibetano

Bota a andar a tradución ao tibetano da Enciclopedia de China que, segundo Cedain Zhaxi, xefe do instituto de estudos tibetanos da Universidade do Tibet, tardará cinco anos en ser rematada. Esta universidade e a Rexión Autónoma do Tibet serán os responsables da tradución e posterior publicación da obra.

Fonte: English East Day

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder