Mundo

Un grupo de eurodeputados pídelle á UE medidas contra a discriminación de galego, catalán e vasco

Un grupo de eurodeputados veñen de reclamarlle á Comisión Europea que tome medidas para evitar as discriminacións lingüísticas e que estas sexan consideradas tan graves como as sufridas pola orientación sexual, a relixión ou a orixe étnica.

Fonte: Praza Pública

Crean un programa radiofónico en lingua tzotzil para unha comunidade indíxena de Chiapas

Miles de familias de comunidades indíxenas de Chiapas infórmanse xa do que ocorre en México e no mundo a través do primeiro programa de noticias na súa lingua materna. Chámase Sk'oplal Jteklumaltik (que significa "voces do noso pobo") e trátase do primeiro espazo radiofónico informativo en lingua tzotzil.

Fonte: Noticieros Televisa

Unha lei pode combater a baixa competencia en lingua estranxeira dos alumnos no Brasil

Unha nova lei, que anticipa a introdución da lingua estranxeira ao cuarto ano do ensino primario das escolas brasileiras, está lista para ser sometida a votación na Comisión de Educación, Cultura e Deporte.

Fonte: R7 Notícias

Activistas a favor da lingua galesa organizan unha protesta contra as políticas do Goberno galés en materia lingüística

Activistas a favor da lingua galesa iniciaron unha mobilización na vila galesa de Aberestywth para demandarlle ao Goberno do País de Gales que mude as súas políticas para permitir que o número de falantes medre nos próximos anos.

Fonte: Wales Online

Unha campaña de sensibilización anima os cidadáns canadenses a se expresaren na súa lingua materna nos aeroportos do país

O Goberno do Canadá iniciou unha campaña de sensibilización para lembrarlles aos cidadáns canadenses que teñen o dereito a seren atendidos na lingua oficial da súa elección (francés ou inglés) cando estean nos grandes aeroportos do país.

Fonte: Le Huffington Post

Un programa de aprendizaxe do inglés ofrece cursos gratuítos para estudantes de ensino superior do Brasil

O programa "Inglês sem Fronteiras" oferta cursos presenciais gratuítos de inglés para estudantes de educación superior. As clases impartiranse nos centros de linguas de 43 institucións federais brasileiras.

Fonte: Agrosoft

Patentan en Arxentina un software para o ensino da lingua guaraní

Aprobouse a primeira patente na Universidade Nacional do Nordeste (Arxentina) para un software multimedia de ensino e aprendizaxe elemental da lingua guaraní. Denomínase “Jejaporâ Guaraní” e foi probado con éxito en institucións escolares.

Fonte: Rosario3

O Instituto Goethe debate o futuro da lingua alemá

Con motivo dun debate con literatos e lingüistas sobre os cambios que experimenta a lingua alemá na actualidade, o secretario xeral do Instituto Goethe, Johannes Ebert, declarou que o alemán está cambiando e que Alemaña é agora máis multicultural. Este debate foi o primeiro dunha serie de actos organizados polo Instituto Goethe para analizar o futuro desta lingua.

Fonte: DW

A lingua finesa gaña forza en Suecia

A lingua finesa está acadando maior status en Suecia. Na actualidade, 52 municipios do país escandinavo ofrecen servizos básicos, como coidados infantís e para maiores, nesta lingua.

Fonte: UUTISET

Os afgáns mostran interese pola lingua turca

Nos últimos tempos, a lingua turca ten gañado certa popularidade en varias rexións de Afganistán. A maior presenza de empresas turcas no país asiático contribúe a incrementar o interese dos afgáns polo estudo desta lingua.

Fonte: World Bulletin

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder