Mundo

Unha manifestación demanda que se garanta o ensino en ruso nas escolas letoas

Arredor de 100 persoas manifestáronse en Riga (Letonia) para solicitarlle á primeira ministra letoa, Laimdota Straujuma, que garanta o ensino en ruso nas escolas.

Fonte: The Baltic Times

Falece a última falante dunha lingua nativa dos EUA

A última falante nativa coñecida da lingua klallam, que o Goberno dos Estados Unidos tentou eliminar gradualmente antes de financiar un plan para preservala, faleceu no estado de Washington, dixeron amigos e líderes tribais.

Fonte: Newsmax

Máis de 180 institucións de todo o mundo promoveron as súas linguas e culturas na feira Expolangues en París

O salón francés dos idiomas e culturas do mundo abriu as súas portas en París co obxectivo de mostrar a ampla oferta de aprendizaxe de máis de 80 linguas. Arredor de 180 institucións aproveitaron este acto para promover os idiomas e as culturas do mundo.

Fonte: RFI

A aprendizaxe do portugués atrae cada vez a máis franceses

O ensino da lingua portuguesa en Francia gañou importancia nos últimos anos. Esta é a constatación do profesor Lamartine Bião, da Asociación Bião Brasil, e da profesora Clara Chagas, que participa nun proxecto de ensino do portugués no municipio de París.

Fonte: RFI

O Ministerio de Asuntos Indíxenas de Australia destinará financiamento para preservar as linguas indíxenas

O Programa de Apoio ás Linguas Indíxenas do Ministerio de Asuntos Indíxenas de Australia permitiralles ás comunidades lingüísticas desenvolver os recursos de aprendizaxe necesarios para preservaren os seus idiomas nativos.

Fonte: PSnews

Un simposio en Hawai analiza o proceso de recuperación da lingua hawaiana

A lingua hawaiana estivo a piques de extinguirse a principios dos anos oitenta mais conseguiu recuperarse grazas ao programa dun pequeno grupo de educadores. Cando principiou este programa, os falantes de hawaiano non superaban a centena e agora é falado por miles de persoas. Un total de 300 profesores, funcionarios, investigadores e representantes das linguas indíxenas de 50 estados dos EUA e doutros dez países achegáronse a Hawai para participar nun simposio que analizou este proceso de recuperación.

Fonte: University of Hawai'i

Lánzase un concurso de lectura e escrita sobre a lingua portuguesa

Aberto á participación de todos os nenos e mozos do ensino público de Portugal, de preescolar a secundaria, o concurso "Ler é unha festa" ten o obxectivo de “crear ou consolidar hábitos de escrita e de lectura, así como valorizar a expresión artística, en homenaxe á lingua portuguesa”.

Fonte: diáriOnline

A falta de destrezas lingüísticas dos candidatos supón un obstáculo para os empresarios do Reino Unido

Un estudo recente realizado pola Comisión do Reino Unido de Emprego e Competencias mostrou que un 17 % das ofertas de emprego que se publican no país non se pode cubrir pola falta de competencias lingüísticas dos candidatos.

Fonte: The Guardian

A oficina da comisaria da Lingua Galesa investigará unha aseguradora por prohibirlles falar galés aos seus empregados

A oficina da comisaria da Lingua Galesa está investigando as sospeitas que declaran que a aseguradora Swinton Insurance prohíbelles aos seus empregados falaren galés cos clientes. Trátase da primeira vez, desde a aprobación da Lei da lingua galesa de 2011, que a comisaria, Meri Huws, decide utilizar as súas competencias para investigar un caso de imposición en materia de lingua.

Fonte: Wales Online

Noméase un novo comisario da Lingua Irlandesa na República de Irlanda

O xornalista televisivo Rona O Domhnaill será nomeado novo comisario da Lingua Irlandesa da República de Irlanda. Substituirá a Sean O Cuirreain que abandonou o seu cargo por discrepancias co Goberno irlandés sobre as súas políticas lingüísticas.

Fonte: Irish Independent

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder