Mundo
Un concurso promovido polo Concello de Miranda do Douro admite só mensaxes en lingua mirandesa
O concurso "Fai-me un Laique", promovido polo Concello portugués de Miranda do Douro, ten por obxectivo dar a coñecer os valores materiais e inmateriais da chamada Terra de Miranda e animar a usar a lingua mirandesa, declarou á axencia de noticias Lusa un dos mentores do proxecto, Alfredo Cameirão. O concurso obriga os participantes a usaren a lingua mirandesa para describir fotos que se publicarán na rede social Facebook.
Fonte: Notícias ao minuto
Siria quere introducir o ruso como segunda lingua estranxeira no sistema educativo
O Ministerio de Educación de Siria anunciou que incluirá o ruso como segunda lingua estranxeira no sistema educativo do país. A iniciativa mostra as estreitas relacións entre Damasco e Moscova.
Fonte: Cri English
Un informe europeo mostra preocupación pola situación actual da lingua galesa
Un informe presentado a ministros da Unión Europea mostrou preocupación polo descenso do número de falantes de galés no País de Gales, especialmente nos condados do norte e oeste, as zonas onde é demograficamente máis forte. O informe céntrase tamén na situación do galés nos servizos de asistencia sanitaria.
Fonte: BBC
Rexeitan unha receita no País de Gales que estaba escrita parcialmente en galés
Unha farmacia da localidade galesa de Felinheli, no norte do País de Gales, rexeitou unha receita médica por estar escrita parcialmente en galés. A situación é grave porque a farmacia ofrece un servizo en nome do sistema público de saúde e está obrigada a cumprir a lexislación en materia lingüística.
Fonte: Daily Post
A principal organización en defensa do galés fará unha "campaña de desobediencia" pola lingua
Cymdeithas, a principal organización en defensa da lingua galesa, decidiu iniciar unha "campaña de desobediencia" co obxectivo de forzar o Goberno galés a actuar a favor do idioma. Segundo Cymdeithas, o executivo de Cardiff non aplicou diversas medidas que a organización propuxera hai medio ano, entre as que se atopa unha ampliación do ensino en galés, reforzar o uso oficial da lingua nos organismos gobernamentais e destinar máis diñeiro ao fomento do idioma.
Fonte: Nationalia
Unha editorial adapta os seus dicionarios de lingua portuguesa ao mercado brasileiro
A editorial Porto Editora adaptou os seus dicionarios de lingua portuguesa ao mercado brasileiro e a través do sistema "kindle" permite unha "rápida consulta e utilización durante a lectura", declarou o grupo editorial á axencia Lusa. O Gran Dicionario da Lingua Portuguesa na versión "kindle", xa dispoñible, constitúe "a maior cobertura do vocabulario do portugués do Brasil e do portugués de Portugal, antes e despois do Acordo Ortográfico, e inclúe unha sucinta gramática", informou a mesma fonte.
Fonte: Diário digital
A emisora alemá Deutsche Welle pechará a súa sección en lingua portuguesa para África
A dirección da emisora de noticias alemá Deutsche Welle decidiu pechar as emisións en portugués para África. Os cambios terán efecto a partir de xaneiro de 2015. Outras linguas como o francés para África terán tamén servizos reducidos.
Fonte: DW
Os Xogos da Lusofonía teñen como lingua oficial o inglés
A terceira edición dos Xogos da Lusofonía, que teñen lugar no estado indio de Goa, comezou con moitas deficiencias, o que levou a Artur Moreira Lopes, xefe da misión portuguesa, a facer críticas. A máis grave pasa polo feito de que a organización india decidiu adoptar como lingua oficial o inglés e o portugués aparece só de cando en vez nos comunicados oficiais.
Fonte: O Jogo
O Consello de Europa critica o Goberno de Irlanda do Norte pola deficiente promoción do irlandés
Un informe publicado polo Consello de Europa critica duramente a deficiente promoción da lingua irlandesa por parte do Goberno de Irlanda do Norte. O informe declara que se deben adoptar máis medidas para promover o irlandés no ámbito público, incluíndo os tribunais e a Asemblea de Irlanda do Norte.
Fonte: BBC
Preséntase unha resolución no Parlamento islandés para garantir o uso da lingua islandesa na era dixital
Un deputado do Parlamento de Islandia presentou unha resolución para aprobar un plan de acción que garanta o uso da lingua islandesa nas tecnoloxías da información e na era dixital.
Fonte: Iceland Review
Boletín
Subscríbase ao boletín