Mundo

Francia debaterá a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias

O primeiro ministro francés, Jean-Marc Ayrault, anunciou que o ano que vén se debaterá en sede parlamentaria a ratificación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Ademais, declarou que a vía para ratificar a carta será a proposición de lei constitucional que introduciu a maioría socialista na Asemblea Nacional francesa.

Fonte: Nationalia

Parlamentarios rusos propoñen unha lei que prohibe o uso das linguas estranxeiras no ámbito laboral

Dous parlamentarios rusos do Partido Liberal Democrático presentaron unha proposición de lei para prohibir a comunicación nun idioma diferente ao ruso no lugar de traballo.

Fonte: Gazeta Russa

Francia ponlle freo á cooficialización da lingua corsa

A ministra francesa pola Descentralización, Marylise Lebranchu, botou un xerro de auga fría sobre as reivindicacións que a Asemblea de Córsega aprobou o pasado mes de setembro. Lebranchu dixo en varios medios de comunicación que a cooficialidade da lingua corsa "non é posible" e que crear un "estatuto de residente" para Córsega é "totalmente inconstitucional".

Fonte: Nationalia

Asinan un convenio para garantir a preservación das linguas indíxenas en Chiapas

O Sistema para o Desenvolvemento Integral da Familia (DIF) de Chiapas e o Instituto Nacional de Linguas Indíxenas (Inali) de México asinaron un convenio de colaboración co fin de promover, fortalecer e preservar as linguas indíxenas de Chiapas.

Fonte: NTR

Docentes brasileiros recibirán formación de alfabetización en portugués e linguas indíxenas

Os docentes que traballen no ámbito da educación indíxena recibirán formación específica de alfabetización en portugués e en linguas nativas. A iniciativa forma parte dun programa educativo aprobado polo Ministerio de Educación brasileiro.

Fonte: R7 Notícias

Unha asociación estudantil avaliará a calidade dos servizos en lingua francesa da Universidade de Ottawa

A Federación Estudantil da Universidade de Ottawa realizará a comezos do mes de xaneiro a primeira enquisa en dez anos sobre a satisfacción dos estudantes respecto á calidade dos servizos recibidos en materia de linguas oficiais.

Fonte: La Presse

O presidente da Comisión Europea defende a importancia da comunidade lusófona de Macau

A comunidade lusófona continúa a ser un “actor central na vida política, económica e social” de Macau, defendeu o presidente da Comisión Europea, Durão Barroso, durante unha visita á rexión administrativa chinesa.

Fonte: Mundo Português

Un programa brasileiro de cualificación docente envía profesores de portugués a Timor Leste

O Programa de Cualificación Docente e Ensino da Lingua Portuguesa (PQLP) do Ministerio de Educación do Brasil envía profesores de portugués a Timor Leste co fin de formar profesionais timorenses en ámbitos relacionados co ensino, a investigación e os medios de comunicación.

Fonte: Observatório da Língua Portuguesa

O director do Instituto Internacional da Lingua Portuguesa pídelles a deputados portugueses que apoien o Acordo Ortográfico

O director executivo do Instituto Internacional da Lingua Portuguesa (IILP) pediu por escrito a deputados portugueses que defendan o novo Acordo Ortográfico, a propósito do debate no Parlamento portugués que solicita a desvinculación de Portugal do acordo lingüístico.

Fonte: O Mirante

Preséntase en Lisboa un dicionario de rexionalismos de Tras-os-Montes e Alto Douro

Presentouse en Lisboa o dicionario Língua Charra: Regionalismos de Trás-os-Montes e Alto Douro, considerada "a máis completa recolla de vocabulario popular trasmontano e do Alto Douro publicada ata hoxe".

Fonte: Notícias ao Minuto

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder