Mundo
A nova Constitución de Tunisia deixa fóra a lingua tamazight
O carácter árabe continuará sendo un dos principais piares de Tunisia. O novo texto constitucional do país africano non inclúe, polo menos na súa primeira parte, a lingua e cultura do pobo tamazight. A Asemblea Constitucional de Tunisia aprobou os primeiros artigos da nova Constitución, tres anos despois da caída do presidente autoritario Zine El Abidine Ben Ali.
Fonte: Nationalia
O Parlamento de Iraq aproba a consideración do kurdo como lingua oficial
O Parlamento de Iraq aprobou a lei da oficialidade do kurdo que concede a esta lingua o rango de oficial en todas as provincias iraquís.
Fonte: Zawya
Lánzase o primeiro motor de busca en internet en lingua kurda
Egerin, o primeiro motor de busca en internet en lingua kurda, ofrece aos falantes desta lingua unha alternativa ás ferramentas tradicionais que non inclúen este idioma. Grazas a Egerin, agora os kurdos poden facer buscas e escribir blogs na súa lingua e non precisan saber inglés para navegar pola rede.
Fonte: SBWire
O estado de Chihuahua busca rescatar a lingua pima
Dado que a lingua que ten o maior risco de desaparecer no estado mexicano de Chihuahua é a pima, o subsecretario de Educación, Horacio Echavarría, dixo que a estratexia e o plan integral de educación indíxena no estado prevé a creación dunha zona lingüística delimitada (ou niño de linguaxe), para que os poucos falantes transmitan o seu idioma aos máis pequenos e así poder rescatar unha importante bagaxe cultural.
Fonte: El Diario
Un estudo revela que os sons dunha lingua constitúen o elemento máis importante para a súa aprendizaxe
Un novo estudo de investigadores da Universidade de Houston, en Texas (EUA), pode axudar no ensino e aprendizaxe de idiomas. O Dr. Arturo Hernández, director do Laboratorio de Bases Neurais do Bilingüismo na universidade, utilizou técnicas de comportamento e métodos de neuroimaxe para investigar a aprendizaxe dunha nova lingua nun cerebro bilingüe. Os resultados mostraron que unha abordaxe “orgánica” centrada nos fonemas en vez de en regras gramaticais, como a que emprega unha nena ou neno cando aprende a se comunicar, pode acelerar en máis dun 20 % o estudo da lingua.
Fonte: Terra
Un programa universitario permite que alumnos de Harvard fagan inmersión na cultura brasileira e na lingua portuguesa
Un grupo de 17 estudantes da Universidade de Harvard participa nunha experiencia de inmersión lingüística, social e cultural nunha universidade do estado brasileiro de Río Grande do Sur. Os alumnos aprenderán aspectos gramaticais da lingua portuguesa e trazos da cultura e da sociedade brasileiras.
Fonte: Planeta Universitario
Lánzase unha campaña para denunciar a desprotección do gaélico por parte do Goberno irlandés
Nas próximas semanas lanzarase unha campaña en toda Irlanda para abordar o problema da falta de apoio e protección que sofren os falantes de gaélico por parte do Goberno irlandés.
Fonte: The Irish Times
Un acordo fará posible a creación do Instituto da Lingua Portuguesa en Timor Leste
O Camões, Instituto de Cooperación e da Lingua Portuguesa e a Universidade Nacional de Timor Lorosae (UNTL) asinaron en Lisboa un memorando de entendemento que ten por obxecto a creación do Instituto da Lingua Portuguesa (ILP) na República Democrática de Timor Leste.
Fonte: Instituto Camões
A provincia canadense de Ontario reforza a educación superior en francés
No marco da lei canadense sobre servizos en lingua francesa, a provincia de Ontario designou o centro de ensino La Cité collégiale, en Ottawa, fornecedor oficial de servizos de ensino en francés, co fin de reforzar a educación superior nesta lingua.
Fonte: Ontario
O Goberno chinés promove o mandarín e prohibe as linguas das minorías étnicas
As forzas de seguridade chinesas detiveron oito tibetanos no último esforzo do Goberno por combater as linguas e culturas das minorías étnicas. O ensino da lingua local é considerada ilegal polas autoridades chinesas nas rexións tibetana e uigur, onde o réxime chinés busca substituír a lingua local polo mandarín, o idioma oficial.
Fonte: Epoch Times
Boletín
Subscríbase ao boletín