Mundo

Un estudo sitúa os portugueses entre os mellores no dominio do inglés

Un estudo da escola de inglés Wall Street Institute confirmou que os portugueses se encontran entre as dez primeiras nacionalidades con mellor dominio da lingua inglesa nos 30 países onde a escola está presente. O estudo afirma ademais que este dominio fai que os portugueses sexan apreciados cando van traballar a outros países.

Fonte: Económico

O ministro de Educación de Portugal pretende fomentar o ensino do portugués no Reino Unido

Durante un encontro co seu homólogo británico, Michael Gove, o ministro de Educación e Ciencia, Nuno Crato, propuxo a formación de profesores británicos para fomentar o ensino da lingua portuguesa no Reino Unido.

Fonte: Jornal de Notícias

Un parlamentario de Plaid Cymru reclámalle ao Goberno galés que actúe para garantir a supervivencia da lingua galesa

Nun debate da Asemblea do País de Gales, o parlamentario do partido nacionalista Plaid Cymru, Simon Thomas, fixo un chamamento ao Goberno galés para que actúe co fin de garantir o florecemento da lingua galesa.

Fonte: BBC

O Centro Nacional de Linguas de Gales defende a necesidade de que as escolas de ensino primario impartan linguas estranxeiras

Segundo o Centro Nacional de Linguas do País de Gales, as escolas de ensino primario deberían impartir linguas estranxeiras para potenciar a súa aprendizaxe en etapas educativas posteriores. As cifras oficiais do Goberno galés mostran unha forte caída das matrículas en linguas estranxeiras no ensino secundario.

Fonte: BBC

Euronews lanza unha nova canle de noticias en varios idiomas

Euronews anunciou o lanzamento dunha canle africana de noticias en varios idiomas, incluíndo o portugués. O novo proxecto, chamado Africanews, terá a súa sede en Brazzaville, a capital da República do Congo.

Fonte: tvi24

Un proxecto ensínalles a lingua mirandesa aos máis novos a través de YouTube

Un profesor da escola primaria de Miranda do Douro está a recorrer a YouTube para ensinar a lingua mirandesa aos alumnos máis novos, a través da inclusión de vídeos didácticos interpretados e coreografados polo personaxe Eimilho Pica.

Fonte: Diário Digital

Un coloquio da Fundación Gulbenkian debate as potencialidades do portugués como lingua de creación artística

O debate "Crear en portugués: o que pode unha lingua", organizado na Fundación Gulbenkian de Lisboa, analiza a realidade e potencialidade do portugués como lingua de creación artística.

Fonte: RTP Notícias

Os deputados franceses votan a favor da ratificación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias

Os deputados da Asemblea Nacional francesa votaron a favor da modificación da Constitución co fin de ratificar a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias. A votación gañou por unha ampla maioría: 361 votos a favor fronte a 149 en contra.

Fonte: Libération

O estado federado do Sarre será bilingüe alemán-francés

A coalición do Goberno do estado federado do Sarre, en Alemaña, acaba de presentar unha proposta para converter esta rexión en bilingüe (alemán-francés). O obxectivo é que en 2042 todos os habitantes do Sarre poidan dominar as dúas linguas.

Fonte: Frankfurter Allgemeine Zeitung

O presidente de Sardeña defende a promoción e protección da lingua sarda

Con motivo da oitava Conferencia Rexional da Cultura e a Lingua Sardas, o presidente da rexión italiana de Sardeña defende o uso cotián e normal da lingua sarda e a súa promoción e protección por parte das institucións públicas.

Fonte: Regione Autonoma della Sardegna

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder