Mundo

A ONU examina a suposta discriminación do Estado francés en materia lingüística

Os representantes da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN, polas súas siglas en inglés) expuxeron no Consello Económico e Social das Nacións Unidas en Xenebra a cuestión da discriminación que sofren os falantes de linguas rexionais en Francia.

Fonte: Le Télégramme

Vinte editoriais da Bretaña únense para crear unha plataforma dixital común

Vinte editoriais que publican en lingua bretoa puxéronse de acordo para crear unha plataforma unitaria na rede. O novo sitio levará o nome de Lenn (ler, en bretón) e pretende ser unha ferramenta de promoción e expansión desta lingua celta que conta con 210 000 falantes.

Fonte: Sermos Galiza

O ministro de Educación de Timor Leste avoga pola eliminación dos prexuízos que existen no país sobre a lingua portuguesa

O ministro de Educación de Timor Leste, António da Conceição, defendeu a necesidade de eliminar a percepción que existe no país de que o portugués é un idioma difícil de aprender, cando unha parte importante do vocabulario que se usa en tetún provén desta lingua. O ministro declarou ademais que é necesario facer máis no mundo para a promoción e a internacionalización da lingua portuguesa.

Fonte: Observador

A UE contratará 180 lingüistas falantes de gaélico irlandés

A Unión Europea quere contratar nos próximos anos un total de 180 lingüistas de gaélico irlandés para diferentes postos en oficinas de Bruxelas e Luxemburgo. As institucións europeas anunciaron xa un proceso selectivo para escoller os 62 primeiros tradutores que falen esta lingua.

Fonte: Business World

O presidente do Parlamento timorense aposta por aproveitar as vantaxes económicas de aprender portugués

O presidente de Timor Leste, Adérito Hugo da Costa, defendeu a importancia de aproveitar as vantaxes e os intereses económicos de aprender portugués e declarou que o país debe multiplicar por dous ou tres o número de formadores nesta lingua.

Fonte: RTP Notícias

O primeiro ministro portugués defende a promoción e o desenvolvemento da lingua portuguesa en Francia

Con motivo da súa visita a París para celebrar o 10 de xuño, Día das Comunidades Portuguesas, o primeiro ministro de Portugal, António Costa, defendeu a necesidade de promover e incrementar a presenza do portugués en Francia e anunciou a posibilidade de que docentes portugueses poidan atopar traballo como formadores desta lingua no país galo.

Fonte: Renascença

Ábrese un debate en Xamaica sobre a oficialización do crioulo

As declaracións do primeiro ministro de Xamaica sobre a posibilidade de converter o español en lingua oficial sumiu o país caribeño nun profundo debate sobre se o crioulo debería recibir tamén o mesmo status.

Fonte: Nationalia

Dous hospitais belgas introducen robots que son capaces de comunicar en 20 linguas

Dous hospitais de Bélxica introduciron robots que poden comunicar en 20 linguas diferentes. Polo momento, os humanoides realizan unicamente servizos de recepción de pacientes.

Fonte: Numerama

Unha plataforma en liña ofrece aloxamento gratuíto a cambio de aprender linguas

TalkTalkBnb é unha nova rede social que pon en contacto persoas que desexan aprender unha lingua estranxeira ofrecendo en troco aloxamento gratuíto.

Fonte: RTL2

Rexeitan a posibilidade de expresarse en galés na Cámara dos Comúns

O líder da Cámara dos Comúns do Parlamento do Reino Unido, o conservador Chris Grayling, rexeitou varias peticións que reclamaban a posibilidade de empregar o galés nos discursos orais.

Fonte: BBC

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder