Mundo
Comezan as obras de restauración do Museo da Lingua Portuguesa de São Paulo
O Goberno do Estado de São Paulo anunciou que en breve comezarán as obras de restauración do Museo da Lingua Portuguesa que fora parcialmente destruído por un incendio en 2015.
Fonte: Público
O Goberno da India quere que o hindi sexa lingua oficial das Nacións Unidas
A ministra de Asuntos Exteriores da India, Sushma Swaraj, declarou que o Goberno da India está facendo o posible para popularizar o hindi internacionalmente e convertelo en lingua oficial das Nacións Unidas.
Fonte: Hindustan Times
Un estudo mostra que a maioría dos galeses apoia e defende a lingua galesa
Un estudo realizado por un profesor da Universidade de Cardiff revela que os defensores da lingua galesa son maioría no País de Gales. Segundo a análise, só un de cada seis galeses pensa que "Gales estaría mellor sen a lingua galesa". Pola contra, case un terzo considera que se deberían tomar medidas excepcionais para promover a lingua vernácula.
Fonte: Wales Online
Un estudo analizará a influencia que teñen os medios de comunicación en gaélico na aprendizaxe da lingua
O organismo de promoción do gaélico escocés Bòrd na Gàidhlig está elaborando un estudo para analizar o impacto que teñen os medios de comunicación en gaélico, como a BBC Alba e a BBC Radio nan Gàidheal, na aprendizaxe desta lingua en Escocia.
Fonte: BBC
A lingua de signos portuguesa podería ser ensinada a alumnado ouvinte
A Asemblea da República de Portugal debaterá unha proposta que pretende introducir o ensino da lingua de signos portuguesa a alumnado que non sexa xordo.
Fonte: Sapo
Un eurodeputado auséntase dun importante evento internacional en protesta pola ausencia de interpretación ao portugués
O eurodeputado portugués João Ferreira decidiu cancelar a súa participación na sesión parlamentaria entre o Grupo de Estados de África, Caribe e Pacífico e a Unión Europea, que se celebrará en Kenya, pola negativa do Parlamento Europeo a habilitar servizos de interpretación en portugués.
Fonte: Jornal Económico Sapo
Duplícase o número de estudantes de chinés no País de Gales
Un informe sobre a presenza das linguas estranxeiras no ensino público do País de Gales revelou que se duplicou o número de estudantes que aprenden chinés mandarín.
Fonte: Wales Online
Un acordo desenvolverá os estudos de portugués no ensino superior luxemburgués
Un protocolo asinado entre o Instituto Camões e a Universidade de Luxemburgo permitirá contratar un lector de lingua e cultura portuguesas neste centro de ensino. O obxectivo é desenvolver os estudos portugueses no ensino superior luxemburgués e favorecer o intercambio académico entre institucións educativas de Luxemburgo e Portugal.
Fonte: Luxemburger Wort
A empresa de automóbiles Volkswagen adopta o inglés como lingua oficial
O grupo automobilístico Volkswagen decidiu adoptar o inglés como lingua oficial de comunicación en detrimento do alemán.
Fonte: Automonitor
O dicionario en liña Priberam mostra nun sitio web as palabras máis buscadas da lingua portuguesa en 2016
O dicionario en liña da lingua portuguesa Priberam publicou no sitio web "O Ano em Palavras" as 200 palabras máis buscadas en todo o ano 2016.
Fonte: Delas
Boletín
Subscríbase ao boletín