Mundo

O cantón suízo de Thurgau reforza os requisitos lingüísticos para acadar a nacionalidade

O Goberno rexional de Thurgau, en Suíza, aprobou unha lei que incrementará o nivel de lingua alemá como requisito para poder obter a nacionalidade suíza. A partir de agora os estranxeiros que queiran optar á nacionalidade no cantón deberán demostrar un nivel B2, superior ao que se esixe no resto do país helvético.

Fonte: The Local

O alemán de Pensilvania sobrevive nas comunidades Amish deste estado dos EUA

O alemán de Pensilvania medra ano tras ano nas comunidades máis tradicionais do estado de Pensilvania, como na comunidade Amish, malia perder peso en zonas urbanas e noutros estados dos EUA.

Fonte: Philly

Traducen a primeira novela de Harry Potter á lingua escocesa ou scots

A novela de J. K. Rowling Harry Potter e a pedra filosofal acaba de ser traducida á súa octoxésima lingua: o scots.

Fonte: National Public Radio

Un estudo revela as vantaxes do bilingüismo fronte aos falantes que só dominan unha lingua

Un estudo elaborado na Universidade de Oregon (EUA) revelou que os nenos e nenas que falan dúas linguas mostran maiores capacidades que os monolingües cando se trata de tomar decisións e focalizar a atención.

Fonte: Independent

A escaseza de médicos no País de Gales dificulta o uso do galés no ámbito da saúde

A dificultade para contratar persoal médico en Gales complica a atención en lingua galesa mesmo en zonas onde é a lingua principal da poboación. Os activistas da lingua galesa demandan que se garantan os dereitos dos pacientes a seren atendidos na lingua vernácula.

Fonte: Wales Online

China quere popularizar o ensino da lingua chinesa na India

Aproveitando a inauguración dun centro de aprendizaxe de lingua chinesa no leste da India, o cónsul xeral de China defendeu a necesidade de promover o ensino deste idioma no país asiático.

Fonte: The Economic Times

A Universidade de Luxemburgo imparte a materia de lingua portuguesa a 107 estudantes

Froito dun acordo asinado pola Instituto Camões e a Universidade de Luxemburgo, a institución de ensino do Gran Ducado oferta actualmente a materia de Lingua e Cultura Portuguesas a un total de 107 estudantes.

Fonte: Mundo Português

A Unesco engade unha lingua asubiada turca á lista para o patrimonio inmaterial

A Unesco acaba de engadir a lingua asubiada da aldea de Kuşköy en Turquía á lista que competirá para a distinción de ben de patrimonio inmaterial. Un total de 10 000 persoas empregan esta lingua diariamente.

Fonte: Daily Sabah

O País de Gales non ofrece suficientes clases de inglés para os refuxiados procedentes de Siria

Un informe revela que os refuxiados sirios afincados no País de Gales non teñen acceso a suficiente oferta de clases de inglés. O escaso profesorado responsable pensa que isto pode influír negativamente na súa busca de emprego.

Fonte: BBC

O presidente de Francia avoga por converter o francés na lingua máis importante do mundo

Con motivo da súa visita a Burkina Faso, o presidente de Francia, Emmanuel Macron, defendeu a importancia do francés no continente africano e avogou por converter este idioma no máis importante do mundo.

Fonte: Express

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder