Mundo

Nace un centro de lingua alemá en San Tomé e Príncipe

A Universidade de San Tomé e Príncipe inaugurou o Centro de Lingua Alemá que promoverá o intercambio cultural e lingüístico entre Alemaña e o país africano de lingua portuguesa.

Fonte: Deutsche Welle

Unha institución estadounidense publica un mapa cunha clasificación de linguas por grao de dificultade

O Instituto de Servizos Estranxeiros dos Estados Unidos publicou un mapa que revela as semanas de instrución que se necesitan para poder dominar unha lingua moderna. As linguas da Península Ibérica aparecen clasificadas na categoría I, coa excepción do éuscaro.

Fonte: My Modern Met

O Parlamento de Quebec quere promover os saúdos comerciais exclusivamente en francés

O Parlamento de Quebec aprobou por unanimidade unha iniciativa que promoverá o saúdo en francés e non en bilingüe entre todos os comerciantes de Montreal e o resto da provincia canadense. A idea é fomentar o uso da lingua francesa no comercio.

Fonte: CTV News

O ensino da lingua portuguesa en Guinea Ecuatorial é aínda moi reducido

A Asemblea Parlamentaria da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) reuniu en Lisboa membros de todos os países de lingua oficial portuguesa. O deputado portugués, Carlos Páscoa, informou de que o ensino do portugués en Guinea Ecuatorial é aínda moi escaso.

Fonte: Diário de Notícias

Sobe o uso da lingua irlandesa en Irlanda do Norte

Malia as polémicas xeradas por parte dos diferentes partidos políticos sobre a aprobación dunha lei que garanta a oficialización do gaélico en Irlanda do Norte, o uso deste idioma celta está a experimentar un tímido desenvolvemento. De acordo co último censo realizado, o 11 % da poboación de Irlanda do Norte pode falar gaélico a un certo nivel.

Fonte: CBC

Un xuíz négalle a un cidadán irlandés a posibilidade de asistir ao seu xuízo completamente en gaélico

Un xuíz da República de Irlanda negoulle a un cidadán irlandés que quería realizar o seu proceso xudicial completamente en gaélico a transferencia do seu caso a un tribunal competente para acoller a súa demanda.

Fonte: Irish Times

O Parlamento de Romanía institucionaliza o Día da Lingua Yiddish

O Parlamento de Romanía aprobou por unanimidade dedicar o 30 de maio ao Día da Lingua e Teatro Yiddish. A iniciativa servirá para promover a lingua e cultura yiddish en todo o país.

Fonte: JTA

Xapón instala os primeiros teléfonos públicos en lingua de signos

Xapón instalou no aeroporto de Haneda, na cidade de Tokyo, os primeiros teléfonos públicos capaces de comunicar por medio da lingua de signos.

Fonte: The Japan Times

O ruso rexistra as notas máis altas nas escolas públicas de Lituania

De acordo coa revista lituana Reitingai, de todas as linguas ensinadas nas escolas lituanas, o ruso rexistra os maiores índices de competencia por parte do alumnado. Nas 50 mellores escolas do país báltico, a nota media foi 87,06 puntos dun total de 100.

Fonte: TASS

O Parlamento do Canadá quere ofrecer máis servizos de interpretación en linguas indíxenas

A Cámara dos Comúns do Parlamento do Canadá quere destinar máis servizos de tradución oral en linguas indíxenas como o cree e o ojibwe.

Fonte: CBC News

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder