Cataluña

O Concello de Xirona impulsa unha campaña para dar a coñecer o catalán entre os turistas

O Concello de Xirona puxo en marcha unha campaña para achegar o catalán ás persoas estranxeiras que visitan a cidade e dar a coñecer a lingua como parte do seu patrimonio cultural. A iniciativa inclúe paneis informativos en zonas turísticas e a distribución de materiais bilingües con expresións básicas, información lingüística e recursos para aprender o idioma. O obxectivo é convidar as persoas visitantes a descubrir o catalán e reforzar a súa presenza social.

Fonte: Ajuntament de Girona

Cataluña

O colectivo de profesorado DocentsCAT impulsa unha proba do nivel C1 de catalán entre o alumnado de 4.º da ESO

DocentsCAT impulsará durante o curso 2026-2027 unha proba piloto de nivel C1 de catalán entre alumnado de 4º da ESO de varios centros participantes. A iniciativa busca comprobar se a acreditación automática que se obtén ao rematar a secundaria se corresponde coas competencias reais do estudantado. Os resultados non terán efectos académicos, pero permitirán obter datos obxectivos e formular posibles melloras no sistema de certificación lingüística.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Integrantes do Barça masculino e feminino protagonizan unha campaña para promover o uso do catalán

O FC Barcelona e a súa Fundación lanzaron a campaña «Parla blaugrana, parla català» para promover o uso do catalán e reivindicalo como elemento de identidade, integración e cohesión social. A iniciativa inclúe vídeos nos que futbolistas dos primeiros equipos masculino e feminino comparten a súa relación coa lingua e a súa aprendizaxe. A campaña pon tamén en valor a diversidade lingüística dos vestiarios e anima a incorporar o catalán á vida cotiá.

Fonte: FC Barcelona

Cataluña

O Concello de Reus convoca un premio para impulsar a presenza do catalán en diferentes ámbitos

O Concello de Reus abriu o prazo para participar na XIII edición do Premio de Ideas para Promover o Uso do Catalán, que permanecerá aberto ata o 15 de outubro. A convocatoria, dotada con 2000 euros, busca apoiar proxectos que amplíen a presenza oral e escrita da lingua en ámbitos sociais, comerciais, empresariais e asociativos. As propostas poderán dirixirse ao conxunto da cidadanía ou a colectivos específicos, co propósito de favorecer novos hábitos lingüísticos e incrementar o uso habitual do catalán.

Fonte: La Ciutat

Cataluña

A nova edición da Semana do Libro en Catalán prestará especial atención á divulgación da literatura no ámbito dixital

A 44ª edición da Semana do Libro en Catalán celebrarase do 18 ao 27 de setembro en Barcelona, cunha aposta especial pola difusión da literatura catalá no ámbito dixital. O certame reunirá 282 selos editoriais e reforzará a promoción da lingua mediante encontros con persoas creadoras de contido, podcasts e actividades destinadas á mocidade.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Cataluña activa novas subvencións para impulsar o ensino e o uso do catalán nos concellos

O Departamento de Política Lingüística da Generalitat abriu dúas liñas de subvencións destinadas a reforzar a política lingüística municipal. Unha delas permitirá financiar cursos gratuítos de catalán para adultos, especialmente nos concellos de menos de 17500 habitantes con menor oferta, mentres que a outra apoiará iniciativas para incrementar o uso social do catalán. As axudas poderán financiar actividades educativas, campañas no comercio e a restauración, propostas de lecer para a infancia e a mocidade, ciclos de cinema en catalán ou estudos sobre os usos lingüísticos.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

O catalán gaña presenza nos xogos de mesa para a infancia e as familias

As axudas do Departamento de Política Lingüística permitiron publicar en catalán 71 xogos de mesa dirixidos ao público infantil e familiar. A iniciativa, integrada no programa Totjoc, forma parte dunha estratexia para ampliar a oferta de lecer en catalán e fomentar o uso da lingua en contextos informais e interxeracionais.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

Cataluña abre en setembro as inscricións para os novos cursos de catalán

O Consorcio pola Normalización Lingüística abrirá entre o 14 e o 21 de setembro o prazo de matrícula dos cursos de catalán do primeiro trimestre do curso 2026-2027. A oferta abrangue todos os niveis, desde A1 até C2, e poderá formalizarse tanto en liña como nos 143 puntos de atención distribuídos por Cataluña.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

Cataluña impulsará 63 cursos de catalán para persoas desempregadas

O Servizo Público de Emprego de Cataluña e o Consorcio pola Normalización Lingüística renovaron o programa Aprèn.cat, que ofrecerá 63 cursos de catalán para persoas demandantes de emprego. A iniciativa, dotada con medio millón de euros, prevé atender preto dun milleiro de persoas e facilitar tanto a mellora das competencias lingüísticas como a obtención de certificados oficiais.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

As traducións de libros escritos en catalán alcanzan unha cifra récord

As traducións de obras escritas en catalán a outras linguas alcanzaron en 2025 unha cifra récord, con 385 títulos publicados, segundo datos do Instituto Ramon Llull. O castelán continúa sendo a principal lingua de destino, seguido do italiano e do portugués, mentres que a literatura infantil e xuvenil concentra case a metade das traducións.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder