Xeral
Un convenio entre o Instituto Cervantes e RTVE promoverá a creación de contidos para a difusión do español

O Instituto Cervantes e RTVE asinaron un convenio de catro anos para reforzar a promoción do español e da súa cultura, mediante a creación e difusión de contidos en televisión, radio e canles dixitais. O acordo inclúe colaboración en programas educativos, materiais audiovisuais, eventos culturais e intercambio de contidos entre ambas as institucións para ampliar a oferta formativa e cultural en español.
Fonte: Instituto Cervantes
Os Gobernos vasco e navarro e o Organismo Público do Éuscaro renovan o convenio para garantir a promoción do éuscaro en diferentes ámbitos

O Goberno vasco, o Goberno de Navarra e o Organismo Público do Éuscaro de Iparralde renovaron até 2029 o Pacto Tripartito para reforzar a promoción e o uso social do éuscaro mediante cooperación transfronteiriza. O acordo fixa liñas de traballo en educación, aprendizaxe de persoas adultas, lecer, deporte, ámbito socioeconómico, contorno dixital, medios e investigación sociolingüística. As tres institucións destacan que a colaboración permite compartir recursos, adaptar políticas ás distintas realidades territoriais e avanzar nun salto cualitativo para a normalización da lingua.
Fonte: Gobierno Vasco
Comeza un novo concurso sobre lingua catalá en 2Cat
2Cat (RTVE) e La Manchester preparan Rescat, un novo concurso televisivo presentado por Peter Vives que converterá a lingua catalá no eixe do entretemento. O formato propoñerá probas de axilidade, creatividade e cultura lingüística nas que tres participantes competirán con xogos de palabras, cancións, termos inventados e anagramas.
Fonte: Panorama Audiovisual
As comunidades con lingua propia recoñecen o proxecto audiovisual galego ‘Pensión incompleta’

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou en Bilbao na comisión de seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística subscrito polos gobernos de Galicia, Cataluña, Euskadi, Navarra, Valencia e Illas Baleares, unha reunión que se produce cada ano no marco da cooperación entre os departamentos desta materia das comunidades autónomas con lingua propia. Ao abeiro desta xuntanza, o grupo decidiu recoñecer co Premio á Diversidade Lingüística do Estado Español a serie galega Pensión incompleta, a primeira rodada nas catro linguas oficiais de España e producida por EITB, TVG, 3CAT e Voz Audiovisual.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Convócanse axudas para a tradución de obras entre linguas oficiais do Estado

O Ministerio de Cultura abriu unha nova convocatoria de subvencións, dotada con 200 000 euros, para impulsar a tradución de libros entre as distintas linguas oficiais do Estado e favorecer así a circulación interna das obras literarias. As axudas diríxense sobre todo ás editoras que aposten por publicar títulos nunha lingua diferente da orixinal, co propósito de fortalecer a diversidade cultural e achegar ao lectorado creacións procedentes doutras tradicións literarias.
Fonte: Iris Press
Apróbase un real decreto polo que se crea un sistema oficial de acreditación da lingua de signos española
O Goberno español aprobou un sistema oficial de acreditación da lingua de signos española co que se certificará, en todo o Estado, o grao de competencia e dominio desta lingua. O novo modelo, estruturado en seis niveis (de A1 a C2), dará validez oficial a unha ferramenta da que até agora non existía equivalente estatal, ao tempo que supón un avance no recoñecemento dos dereitos das persoas xordas e xordocegas. Ademais, os diplomas poderán empregarse para acceder ao emprego público ou como mérito profesional, académico e persoal.
Fonte: Galicia Press
Fanse 25 anos da posta en marcha da Viquipèdia en catalán

A Viquipèdia en catalán fai 25 anos, polo que se sitúa como unha das primeiras edicións da enciclopedia e a primeira en lingua non inglesa. Na actualidade destaca pola súa alta calidade (cuarta a nivel mundial), con máis de 790 000 artigos, e polo seu papel na normalización e presenza do catalán no ámbito dixital, aínda que o seu uso segue sendo minoritario en comparación con outras versións.
Fonte: Diari de la Llengua
O Goberno español confirma que non esixirá coñecer as linguas oficiais na regularización de migrantes
O Goberno central confirmou que o coñecemento do galego, catalán ou éuscaro non será requisito para obter a autorización inicial de residencia e traballo na regularización extraordinaria en tramitación. O borrador prevé, porén, que a aprendizaxe das linguas oficiais poida valorarse na renovación ao cabo dun ano, a través dun informe de integración emitido pola comunidade autónoma.
Fonte: Galicia Confidencial
Un convenio permitirá a publicación en catalán das iniciativas lexislativas aprobadas pola Cámara Baixa
O Instituto de Estudos Cataláns (IEC) e o Congreso dos Deputados asinou un convenio de colaboración para promover o uso do catalán no ámbito xurídico, especialmente nas iniciativas lexislativas. O acordo establece un marco de colaboración para traducir e publicar en catalán as leis aprobadas no Congreso e garantir así que esta lingua sexa usada de maneira normalizada en todos os ámbitos xurídicos.
Fonte: Institut d'Estudis Catalans
O tradutor en liña DeepL incorpora o galego, o catalán, o éuscaro e o aragonés

DeepL lanzou recentemente a incorporación do catalán, o éuscaro, o galego e o aragonés á súa plataforma de tradución automática, co que responde así á necesidade de mellorar a comunicación profesional en contornos onde estas linguas se usan regularmente. A nova funcionalidade busca facilitar a interacción nas empresas e administracións, e mellorar a axilidade na atención ao cliente, a documentación e as operacións diarias. Esta ampliación forma parte dunha estratexia máis ampla de DeepL para ampliar a súa oferta lingüística e mellorar as ferramentas de automatización e integración de tradución.
Fonte: What's New
Boletín
Subscríbase ao boletín