Lusofonía

Unha exposición percorre os vinte anos do Museo da Lingua Portuguesa


Unha nova exposición conmemora as dúas décadas de historia do Museo da Lingua Portuguesa e repasa a súa traxectoria como espazo dedicado á diversidade, á evolución e á difusión do idioma portugués. A mostra recupera momentos destacados da institución e pon en valor o seu papel na promoción da lingua e da cultura lusófona. 

Fonte: Boqnews

Portugal reforza o investimento no ensino do portugués para persoas estranxeiras

O programa PESSOAS 2030 reforzou o financiamento destinado á aprendizaxe do portugués por parte de cidadáns estranxeiros. A iniciativa busca facilitar a adquisición e certificación de competencias lingüísticas e favorecer a integración social, cultural e profesional das persoas migrantes en Portugal.

Fonte: PESSOAS 2030

Os portugueses len máis e recorren cada vez máis a libros noutras linguas

O Barómetro WOOK 2026 revela un aumento da lectura regular en Portugal e unha maior presenza de obras noutras linguas, especialmente en inglés. O 72 % das persoas consultadas afirma ler con regularidade e arredor dun terzo dos lectores habituais tamén le en inglés, principalmente por gusto persoal, necesidades profesionais ou para practicar unha lingua estranxeira.

Fonte: Sapo

Coímbra e Macau crean un laboratorio conxunto para investigar sobre linguaxe e humanidades dixitais

As universidades de Coimbra e Politécnica de Macau reforzan a súa colaboración científica coa creación dun laboratorio conxunto dedicado ás Humanidades Dixitais e ás Ciencias da Linguaxe. A nova estrutura pretende impulsar proxectos de investigación e cooperación entre as dúas institucións, aproveitando as posibilidades das tecnoloxías dixitais para estudar a linguaxe e o patrimonio cultural. A iniciativa contribúe tamén a estreitar os vínculos académicos entre Portugal e Macau.

Fonte: Universidade de Coimbra

Angola e Mozambique seguen sen ratificar o Acordo Ortográfico da lingua portuguesa

Angola e Mozambique son os únicos países da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) que aínda non ratificaron o Acordo Ortográfico de 1990. Ambos os gobernos alegan que o texto non recolle adecuadamente as particularidades do portugués falado nos seus territorios, o peso das linguas nacionais e os elevados custos que suporía a súa aplicación.

Fonte: DW

A mocidade mozambicana pide reforzar o papel do portugués como lingua de integración na CPLP

No 30º aniversario da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP), mozos e mozas de Mozambique destacaron a importancia do portugués como ferramenta para facilitar o intercambio de coñecemento, a cooperación e a integración entre os países lusófonos. Ademais, reclamaron máis iniciativas para promover a circulación de obras en portugués, fomentar a tradución e crear espazos comúns que reforcen a proxección internacional da lingua.

Fonte: ONU News

O Goberno de Portugal considera inviable que o portugués sexa lingua oficial da ONU polo seu elevado custo

O ministro portugués de Asuntos Exteriores, Paulo Rangel, afirmou que o portugués dificilmente chegará a ser unha das linguas oficiais das Nacións Unidas debido aos importantes custos económicos que implicaría a tradución de documentos e os servizos de interpretación necesarios. As declaracións contrastan co obxectivo expresado anteriormente por Portugal e outros países da lusofonía de impulsar e afrontar os custos dese recoñecemento internacional.

Fonte: Rádio Festival

Presentan o Atlas Lexicográfico da Lingua Portuguesa

O Instituto Internacional da Lingua Portuguesa e a Academia de Ciencias de Lisboa presentaron o Atlas Lexicográfico da Lingua Portuguesa con motivo do Día Mundial da Lingua Portuguesa. A nova ferramenta dixital busca promover e estudar a diversidade léxica do portugués nos países da CPLP e estará aberta á participación de persoas interesadas.

Fonte: CPLP

A Universidade de Macau gaña un concurso de lingua portuguesa

Unha estudante da Universidade de Macau conseguiu o primeiro premio no Concurso de Elocuencia en Lingua Portuguesa. O certame reuniu alumnado de varias universidades de Macau e promoveu o uso do portugués entre a mocidade.

Fonte: Plataforma Media

Guimarães será a sede en 2027 do encontro das cidades lusófonas

A cidade portuguesa de Guimarães foi elixida para acoller en 2027 a Asemblea Xeral da Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA), nunha decisión tomada en Macau. Este nomeamento reforza a súa presenza internacional dentro da rede de cidades de lingua portuguesa. 

Fonte: Jornal de Notícias

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder