Mundo
O Parlamento de Dinamarca autoriza o uso das linguas minoritarias
O Parlamento de Dinamarca autoriza os seus deputados e deputadas a falaren nas dúas linguas minoritarias que existen no Reino de Dinamarca, o groenlandés e o faroés. Porén, non haberá servizo de interpretación e as persoas que empreguen estes idiomas deberán traducirse a si mesmas.
Fonte: Euroactiv
Descobren un antigo idioma indoeuropeo en Turquía
Un grupo de arqueólogos do lugar de Boğazköy-Hattusha, en Turquía, onde existiu a antiga capital do imperio Hitita, descubriu unha táboa cuneiforme cunha lingua indoeuropea até entón descoñecida.
Fonte: Heritage Daily
O parque temático Portugal dos Pequenitos terá visitas guiadas en lingua de signos
Co fin de promover a igualdade e a equidade entre todas as persoas, o parque temático Portugal dos Pequenitos, situado na cidade portuguesa de Coímbra, vai ofrecer visitas guiadas en lingua de signos.
Fonte: New in Coimbra
As Nacións Unidas celebran o Día Internacional das Linguas de Signos
O 23 de setembro celébrase en todo o mundo o Día Internacional das Linguas de Signos, conmemorado polas Nacións Unidas para promover a identidade lingüística e diversidade cultural das persoas xordas. Na edición deste ano, a ONU salienta os valores de unión e concordia que promoven as linguas de signos en todo o planeta.
Fonte: United Nations
Dous postos de traballo garantirán o futuro do gaélico na illa escocesa de Tiree
A illa escocesa de Tiree é un dos últimos redutos de falantes nativos de gaélico escocés. Unha asociación contratará dúas persoas que velarán pola promoción e protección da lingua vernácula para garantir o seu futuro entre as novas xeracións.
Fonte: The National
Finlandia debe mellorar a instrución en finés para as nenas e os nenos procedentes de Ucraína
Un sindicato de profesorado alertou que Finlandia debe reforzar a instrución en finés para que os menores refuxiados procedentes de Ucraína poidan integrarse con maior facilidade.
Fonte: YLE
Activistas alertan que o uso de termos en inglés pode supor un risco para a lingua galesa
O colectivo de apoio ao galés Cylch yr Iaith alertou que o bilingüismo e uso de termos en inglés ao falar en galés pode erosionar a identidade e lingua galesas.
Fonte: BBC
A Unión Europea pide máis tempo para analizar a proposta de que o galego, o catalán e o éuscaro sexan linguas oficiais
Na reunión ministerial de Asuntos Xerais, os estados da Unión Europea mostraron as súas reservas acerca da oficialización do galego, o catalán e o éuscaro en Bruxelas.
Fonte: Euronews
A Comisión Europea incluirá o galego, o catalán e o éuscaro no programa Erasmus+

A Unión Europea anunciou por medio dunha resolución que o programa de mobilidades Erasmus+ poderá agora incorporar o uso do galego, catalán e éuscaro.
Fonte: La Vanguardia
O mirandés fai 25 anos como segunda lingua oficial de Portugal
O mirandés é a segunda lingua oficial de Portugal hai agora 25 anos. Porén, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Comunitarias aínda está pendente de ratificar por parte do parlamento nacional.
Fonte: RTP
Boletín
Subscríbase ao boletín