Mundo
O Parlamento de Cabo Verde rexeita a proposta de cualificar o portugués como patrimonio inmaterial nacional
O Parlamento de Cabo Verde, a través da Comisión Especializada de Educación, Cultura, Saúde, Xuventude, Deporte e Asuntos Sociais, non aceptou a proposta dunha deputada que quería que o portugués fose considerado patrimonio inmaterial nacional.
Fonte: SAPO
Timor Leste quere que o portugués sexa a principal lingua de instrución no ensino
Os ministerios de Educación e do Ensino Superior de Timor Leste queren que a lingua portuguesa se converta obrigatoriamente no principal idioma de instrución no ensino e que as outras linguas sexan idiomas auxiliares.
Fonte: SAPO
Publican un estudo detallado sobre a lingua ainu do Xapón
Un grupo de especialistas sobre a lingua illada ainu do Xapón publicou Handbook of the Ainu Language, o máis completo compendio deste idioma ameazado que existe até o momento e que esperan que poida servir para revitalizalo.
Fonte: La Prensa Latina
O Museo da Lingua Portuguesa de São Paulo seleccionará dúas persoas para investigar sobre linguas indíxenas
O Museo da Lingua Portuguesa de São Paulo, pertencente á Secretaría da Cultura e Economía Creativa do Goberno do Estado de São Paulo, abriu unha convocatoria para seleccionar dúas persoas que desenvolvan traballos de investigación sobre linguas indíxenas durante o ano 2023.
Fonte: Museu da Língua Portuguesa
Unha asociación reclama manter o ensino de dúas horas de catalán na rexión da Cataluña Norte

A APLEC (Asociación para o Ensino do Catalán na Cataluña Norte) reclamou que se manteñan un total de dúas horas de ensino de catalán nas escolas da rexión francesa da Cataluña Norte. A agrupación constatou que hai escolas que queren que o ensino do catalán fique reducido a unha hora semanal.
Fonte: El Nacional
A lingua rapanui da Illa de Pascua está en perigo de desaparición
A Illa de Pascua está situada no océano Pacífico a 3800 km da capital do estado de Chile. A pesar dos seus esforzos por salvar a súa cultura ameazada, o seu idioma, o rapunui, está hoxe en risco de extinción pola falta de transmisión xeracional.
Fonte: Nationalia
As demandas de ensino en linguas minoritarias levantan unha gran polémica en Irán
Con motivo do Día Internacional da Lingua Materna, varios grupos étnicos de Irán demandaron que linguas como o kurdo ou o baluchi fosen introducidas nos currículos educativos das escolas nas zonas onde se falen. Estas demandas levantaron unha gran polémica no país, sobre todo entre as persoas que queren que o persa continúe sendo a única lingua de instrución.
Fonte: Iranintl
Miranda do Douro apela á participación de todos para salvar a lingua mirandesa
Despois da publicación dun estudo da Universidade de Vigo que auguraba un prognóstico tráxico para a lingua mirandesa, a presidenta da Cámara Municipal de Miranda do Douro, Helena Barril, apela á participación e compromiso de todas as persoas e entidades para salvala.
Fonte: Observador
Francia sitúa o catalán na lista de linguas con maior peso do mundo
Segundo un estudo elaborado e avalado polo Ministerio de Cultura de Francia, o catalán ocuparía o posto duodécimo na listaxe dos idiomas con maior preponderancia do mundo. Ficaría por diante de linguas con maior peso demográfico como o chinés mandarín grazas ao seu bo índice de presenza e uso na internet.
Fonte: El Periódico
A cidade do Porto fai entrega dos Premios Interculturalidade 2022
O Batalha Centro de Cinema do Porto acolleu a celebración do Día Internacional da Lingua Materna que contou entre outros actos coa entrega dos Premios Interculturalidade 2022, promovidos polo Espazo T - Asociación para o Apoio á Integración Social e a Comunidade de Bangladesh do Porto.
Fonte: Porto
Boletín
Subscríbase ao boletín