Mundo

Un estudo revela que nenas e nenos de familias estranxeiras en Finlandia deberían aprender finés como primeira lingua

Un estudo elaborado na Universidade de Helsinqui revelou que un quinto dos nenos e nenas de familias estranxeiras que estudan finés como segunda lingua deberían estudala como lingua nativa xa que o seu nivel é equiparable a aquelas que o falan como lingua materna.

Fonte: Helsinki Times

Demandan maior oferta de linguas estranxeiras nas escolas de formación profesional do Reino Unido

Diversos grupos empresariais do Reino Unido pediron ao Goberno británico que dea prioridade ás habilidades lingüísticas á hora de deseñar os currículos dos cursos de formación profesional. Un estudo revelou que as materias de linguas estranxeiras case non se ofertan neste nivel educativo no Reino Unido.

Fonte: The Guardian

Guinea-Bissau contará co primeiro mestrado de ensino superior en lingua portuguesa

O próximo ano lectivo 2023-2024, Guinea-Bissau contará co primeiro mestrado de Lingua Portuguesa na historia do país e será ofertado pola Escola Superior Tchico Té.

Fonte: RFI

Unha investigación advirte a necesidade de protexer a Amazonia para salvagardar a súa diversidade lingüística

Unha investigación da Universidade de Leiden (Países Baixos) lembra que o ser humano debe garantir a protección da selva amazónica para poder preservar a súa diversidade lingüística e cultural.

Fonte: MiPutumayo

O Instituto Camões e o Banco Santander renovaron un acordo para apoiar a lingua portuguesa

O Instituto Camões e o Banco Santander renovaron un protocolo de colaboración para apoiar a lingua portuguesa. En concreto, o compromiso estará dirixido ao pagamento de bolsas para a realización de cursos en Portugal e en portugués.

Fonte: VISÃO  

As sesións públicas da Cámara Municipal de Évora disporán agora de interpretación en lingua de signos

As reunións públicas que se celebren na Cámara Municipal da cidade portuguesa de Évora terán agora dispoñible a interpretación en lingua de signos portuguesa.

Fonte: O Digital

A NASA lanza páxinas web en español sobre aeronáutica

A Administración Nacional de Aeronáutica e Espazo (NASA, polas súas siglas en inglés) publicou páxinas web sobre aeronáutica en español coa intención de facer máis accesible este campo a toda a comunidade que fala este idioma.

Fonte: NASA

Nace o primeiro proxecto de comunicación en portugués en Timor Leste

Un grupo de xornalistas presentou Diligente, o primeiro órgano de comunicación social en portugués de Timor Leste. Trátase dun proxecto exclusivamente en lingua portuguesa que pretende reforzar os medios de comunicación timorenses.

Fonte: Observatório da Língua Portuguesa

O Goberno de Irlanda destaca os logros da Lei de linguas oficiais durante o 2022

O Goberno de Irlanda elaborou un informe onde fixo balance da aplicación da Lei de linguas oficiais durante todo o ano pasado. Entre os logros saliéntase, entre outros, o incremento da publicidade en gaélico nos medios de comunicación.

Fonte: Gov.ie

As obras en lingua inglesa lideran o incremento das vendas de libros nos Países Baixos

A cidadanía neerlandesa comprou 43,2 millóns de libros o ano pasado, o que supón un incremento do 0,4 %. Os exemplares en lingua inglesa lideraron as vendas mentres que as obras en neerlandés caeron un 3 %.

Fonte: NL Times

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder