Mundo

A Universidade das Linguas Indíxenas comezará a súa andaina en marzo do ano 2023

Esta universidade, que terá a súa sede na Cidade de México, impartirá licenciaturas de Ensino de Linguas Indíxenas, Interpretación e Tradución en Linguas Indíxenas, Literatura en Linguas Indíxenas e Comunicación Indíxena Intercultural.

Fonte: El Economista

A Unesco decreta o lanzamento do Decenio Internacional das Linguas Indíxenas

Coa conmemoración deste decenio por parte da Unesco preténdese frear a deterioración das linguas indíxenas e revalorizar a cultura destes pobos.  

Fonte: Radio Fórmula QR

Póñense en marcha diferentes iniciativas para a preservación da lingua añú

Defensores da lingua añú de tres municipios venezolanos organizaron un encontro para conformar un comité para a súa preservación. Entre as ideas que se propoñen están a elaboración dun dicionario deste idioma indíxena ou a organización de cursos para a súa aprendizaxe.

Fonte: Versión Final

Segundo un estudo, os bebés desenvolven habilidades lingüísticas ás poucas horas de nacer

Un estudo publicado en Nature Human Behavior indica que os bebés comezan a relacionarse co mundo que os rodea ás poucas horas de nacer, mesmo coas linguas, e xa poden coñecer algunha palabra ás 5 horas do nacemento.

Fonte: Infobae

Celébrase o Día Internacional dos Pobos Indíxenas

O 9 de agosto conmemórase o Día Internacional dos Pobos Indíxenas, proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas (ONU), que este ano ten como tema o papel das mulleres indíxenas na preservación e a transmisión do coñecemento tradicional.

Fonte: Nueva Rioja

Demandan un reforzo no ensino da lingua guaraní nas escolas

Representantes do pobo guaraní trataron varios temas relacionados coa conservación do seu idioma nun congreso, entre eles, o impulso do seu ensino nas escolas públicas e privada ou o reforzo da súa identidade.

Fonte: ABC

O Goberno de México presenta un programa de fomento da lectura en linguas indíxenas

Como parte da celebración do Decenio Internacional das Linguas Indíxenas 2022-2032 e do Día Internacional dos Pobos Indíxenas, o Goberno de México impulsou un programa que ten como obxectivo fomentar a lectura e a escritura nestas linguas.

Fonte: Gobierno de México

O español colle forza nos EUA e en Guinea Ecuatorial, mentres perde falantes de Marrocos ou Filipinas

Augúrase que en 2060 Estados Unidos pode converterse no país do mundo con máis falantes nativos de español. No caso de Guinea Ecuatorial, este é o único país en África onde é oficial. Pola contra, en Marrocos apenas o 1 % da poboación sabe falalo e en Filipinas perde forza fronte ao inglés.  

Fonte: Fundéu

Pídenlle ao Goberno do País de Gales que todas as escolas sexan centros de inmersión en galés

A asociación a prol da lingua galesa Cymdeithas yr Iaith Gymraeg pediu ao Goberno do País de Gales que todas as escolas poidan ser de inmersión en galés a parir de 2050.

Fonte: Nation Cymru

Estonia quere revisar a política de ensino da lingua estranxeira no sistema educativo

O ministro de Educación de Estonia, Tõnis Lukas, propuxo unha revisión da política de ensino da primeira lingua estranxeira no país báltico. Até este momento, o ruso é a primeira lingua estranxeira que se ensina nas escolas estonianas mais isto responde, segundo o ministro, máis a un hábito que a unha necesidade.

Fonte: Baltic News Network

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder