Mundo
Portugal quere fortalecer o portugués no mundo por medio do Instituto Internacional da Lingua Portuguesa
O Goberno portugués comprométese a reforzar a importancia da lingua portuguesa en todo o mundo por medio da promoción do seu ensino e o fortalecemento do Insttituto Internacional da Lingua Portuguesa.
Fonte: SAPO
Un festival promove a obra de escritores lusófonos no estranxeiro
O Festival Literario Internacional de Óbidos (Portugal) ten como obxectivo promover a edición de obras de autores que escriban en portugués.
Fonte: Oeste Global
O estudo do ruso medra en Finlandia
Unha asociación de estudantes de ensino secundario de Finlandia declarou que o estudo da lingua rusa é cada vez máis popular mentres que decae o interese polas linguas europeas.
Fonte: Sputniknews
Un sitio de busca de emprego fai unha lista das linguas máis demandadas no Reino Unido
O sitio de busca de emprego Adzuna fixo un estudo sobre as linguas máis demandadas no Reino Unido. O alemán, o árabe e o francés ocupan os tres primeiros postos.
Fonte: Quartz
Un estudo da Universidade de York revela que o multiculturalismo podería influír na alteración da lingua inglesa
Expertos da Universidade de York revelaron nun estudo que a influencia do inglés falado por estranxeiros que viven en Londres podería provocar cambios na pronuncia do inglés. A análise mostra que algúns sons poderían verse alterados como consecuencia desta influencia.
Fonte: The Telegraph
Timor Leste quere que o portugués sexa a primeira lingua do país
O primeiro ministro de Timor Leste, Rui Maria de Araújo, quere converter o portugués na primeira lingua máis falada do país asiático. Actualmente o tetún é o idioma principal do país.
Fonte: Agência Brasil
Organizacións a favor da lingua serbia en Montenegro senten discriminación por motivos lingüísticos
Organizacións a favor da lingua serbia de Montenegro defenden que o Ministerio de Educación de Montenegro é partidario dunha imposición do montenegrino e do alfabeto latino nas escolas.
Fonte: Balkan Insight
Un municipio alentexano organiza un festival para fomentar a lingua portuguesa
O municipio alentexano de Almodôvar organiza o festival "Escritas do Sul" co que pretende promover a lingua portuguesa por medio de conferencias, obradoiros e outras iniciativas ao longo de cinco días.
Fonte: Sulinformação
Convócase a segunda edición do premio de tradución ao occitano
A editorial de literatura en lingua occitana Letras d'Òc acaba de convocar a segunda edición do premio de tradución ao occitano de obras non francófonas. A obra gañadora recibirá un premio de mil euros.
Fonte: Jornalet
Dinamarca quere introducir un programa de clases de lingua dinamarquesa para nenos de dous anos
A ministra de Educación de Dinamarca, Ellen Trane Nørby, declarou que o país nórdico pretende introducir un programa de clases de dinamarqués para nenos a partir dos dous anos de familias orixinarias doutros países.
Fonte: Independent
Boletín
Subscríbase ao boletín