Mundo

Gales interésase pola política de promoción do éuscaro no País Vasco

O Goberno de Gales quere inspirarse nas políticas de protección e promoción do éuscaro no País Vasco para o desenvolvemento dunha planificación lingüística que permitirá chegar ao millón de falantes de galés.

Fonte: Euskadi

Un estudo revela que algunhas materias do ensino secundario do País de Gales non dispoñen aínda de materiais en galés

Unha enquisa realizada por un sindicato educativo do País de Gales revela que moitos dos novos libros que se deberían empregar este ano no ensino secundario non están aínda traducidos ao galés. Esta situación resulta discriminatoria para o alumnado que cursa todas as materias en lingua galesa.

Fonte: BBC

Un partido da esquerda portuguesa quere que a lingua de signos poida ofrecerse como actividade extraescolar

O partido portugués Bloco de Esquerda quere mellorar a inclusión e a integración da comunidade de xordos e propuxo con este fin que a lingua de signos poida ser ensinada nas escolas como actividade extraescolar.

Fonte: RTP

Unha reforma educativa permitirá que os escolares turcos de quinto ano reciban ensino de linguas

Turquía quere aprobar medidas no ámbito da educación que permitirán que os escolares de quinto ano do ensino elemental poidan ter docencia en linguas como o turco, o inglés, o alemán, o francés e o árabe.

Fonte: Hurriyet Daily News

Unha universidade a distancia da India ofrecerá estudos de lingua coreana

A Universidade Aberta Indira Gandhi (Indira Gandhi National Open University) da India ofrecerá estudos a distancia de cultura e lingua coreanas.

Fonte: The Korea Times

A plataforma Duolingo introduce novas funcionalidades para aprender linguas

A plataforma en liña Duolingo introduciu unha nova funcionalidade de conversa simulada para facer máis eficaz a aprendizaxe de linguas.

Fonte: Übergizmo

Portugal formará xornalistas timorenses en lingua portuguesa

O Goberno de Timor Leste aprobou un protocolo de cooperación con Portugal para que o país europeo colabore na formación de xornalistas no ámbito da lingua portuguesa.

Fonte: CM

O Instituto Camões quere que o portugués adquira maior presenza no ensino superior dos EUA

O Instituto Camões presentou as medidas de promoción do portugués como lingua global. Entre elas destaca a introdución e consolidación do portugués no ensino superior, en particular nos Estados Unidos.

Fonte: A Bola

Cabo Verde ofertará chinés como lingua opcional nas escolas de ensino secundario

Cabo Verde apostará polo ensino da lingua chinesa nas escolas de ensino secundario a partir do curso 2017-2018.

Fonte: Porto Canal

Pronúnciase por primeira vez un xuramento hipocrático en lingua corsa

Un alumno de doutoramento da Facultade de Medicina da Universidade de Niza pronunciou, con motivo da defensa da súa tese, o primeiro xuramento hipocrático en lingua corsa.

Fonte: Corse-matin

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder