Mundo

O Goberno de Paraguai sinala os seus desafíos en materia lingüística para 2024

O ministro da Secretaría de Políticas Lingüísticas compartiu os desafíos do seu departamento para o novo ano, entre os que sinalou a garantía dos dereitos lingüísticos das persoas xordas, a protección das 19 linguas de Paraguai ou a recuperación do status lingüístico do guaraní, entre outros.

Fonte: El Nacional

O francés perde a súa condición de lingua oficial en Burkina Faso

A Asemblea Nacional de Transición de Burkina Faso acordou outorgarlles ao inglés e ao francés, que deixa de ser oficial, o status de linguas de traballo, mentres que se converten en oficiais as linguas nacionais.

Fonte: Le Courrier du Vietnam

Segundo un estudo, case o 70 % da poboación quebequesa ve a televisión tradicional principalmente en francés

Segundo un estudo da OQLF, o 67 % da poboación quebequesa ve a televisión tradicional principalmente en francés, unha porcentaxe que diminúe notablemente nas plataformas de streaming, nas que cae ata o 42 %.

Fonte: Le Devoir

O Ministerio de Educación de Estonia non concederá prórrogas para o proceso de transición cara á lingua estoniana

O Ministerio de Educación e Investigación de Estonia declarou que ningunha institución educativa recibirá prórrogas para poder aplicar o proceso de transición educativa cara á lingua estoniana. A partir do curso 2024-2025, todas as escolas e centros educativos deberán ter profesorado con nivel mínimo de C1 de estoniano.

Fonte: ERR

A canle TG4 emitirá un programa sobre o 70 aniversario da organización Gael Linn

A canle de televisión en gaélico TG4 emitirá o documentario Gael Linn ag 70 para conmemorar o 70 aniversario da organización a prol da lingua gaélica Gael Linn e analizar a súa historia e a súa influencia na música irlandesa.

Fonte: Irish Central

O Consello Médico Xeral do Reino Unido aplicará normas que garantan o uso do galés

O Consello Médico Xeral do Reino Unido, organismo que regula a práctica da medicina de primaria no Reino Unido, aplicará no territorio do País de Gales as normas do Goberno de Gales que garantan o uso diario do galés na práctica médica.

Fonte: General Medical Council

A Universidade de Afganistán contará con Departamento de Lingua Turca

A Facultade de Letras da Universidade de Balkh, en Afganistán, contará a partir de marzo de 2024 con Departamento de Lingua Turca grazas a un esforzo colaborativo entre a universidade e a Axencia Turca de Cooperación e Coordinación (TIKA).

Fonte: Daily Sabah

Miranda do Douro acolle un festival sobre a lingua e cultura mirandesas

O festival de música Geada, que acontece na vila portuguesa de Miranda do Douro, naceu co obxectivo de dar valor e fomentar a lingua e cultura mirandesas, os maiores activos deste territorio do nordeste portugués.

Fonte: Diário de Trás-os-Montes

O Goberno de Irlanda aproba un plan para axudar funcionarios públicos a melloraren a súa competencia en gaélico irlandés

A ministra de Cultura e Gaeltacht da República de Irlanda, Catherine Martin, anunciou a aprobación dun plan dun millón de euros para crear unha rede de apoio en gaélico irlandés que permita que os traballadores do estado poidan incrementar a súa competencia nesta lingua.

Fonte: RIPT

O mundo celebra o Día Internacional da Lingua Árabe

Como cada 18 de decembro, as Nacións Unidas conmemoraron en todo o mundo o Día Internacional da Lingua Árabe, un dos idiomas oficiais deste organismo internacional. O tema deste ano é "O árabe, lingua de poesía e arte".

Fonte: UNESCO

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder