Mundo

Celébrase en todo o mundo o Día da Lingua Inglesa

Coa intención de conmemorar o falecemento de William Shakespeare, a ONU celebra o Día da Lingua Inglesa. Con esta efeméride a organización pretende ademais promover o multilingüismo e a diversidade cultural en todo o mundo.

Fonte: Free Press Journal

A ONU escolle as linguas indíxenas como tema do Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor

Co fin de celebrar a diversidade das culturas presentes en todo o mundo, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) escolleu as linguas indíxenas como tema do Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor.

Fonte: ONU News

A lingua portuguesa ensinarase nas escolas públicas da cidade estadounidense de Worcester

Representantes do municipio da cidade estadounidense de Worcester, no Estado de Massachusetts, e das escolas públicas da localidade están traballando conxuntamente para poder ofrecer lingua portuguesa no ensino. A comunidade brasileira é a segunda máis importante da cidade e o portugués é o terceiro idioma máis falado en todo o estado.

Fonte: Brazilian Times

 

Venezuela conmemora o aniversario da súa Academia da Lingua Española

O Goberno de Venezuela conmemorou o 140 aniversario da Academia Venezolana da Lingua, unha instancia correspondente á Academia Española da Lingua que naceu co cometido de velar pola integridade da lingua no país caribeño.

Fonte: La Vanguardia

Filmes en quechua e aimará lideran as nominacións a premios de cinema no Perú

As producións Willaq PirqaMataindios, rodadas en quechua, e Pakucha, en aimará, alcanzaron un total de dez nominacións en varias das categorías dos premios que outorgará a Asociación Peruana de Prensa Cinematográfica (Apreci) nas estreas nacionais máis destacadas de 2022.

Fonte: La Vanguardia

Un estudo revela que a metade da diversidade lingüística do planeta está en risco

Un estudo sobre 2400 linguas publicado na revista Science Advances revelou que a metade da diversidade lingüística que existe no planeta podería estar en risco de desaparecer.

Fonte: The Conversation

O Ministerio de Educación de Francia autoriza que o alumnado de secundaria poida examinarse en éuscaro na materia de ciencias

O ministro de Educación de Francia, Pap Ndiaye, autorizou que o alumnado de secundaria poida examinarse en éuscaro na materia de ciencias nas probas que dan acceso ao título de etapa.

Fonte: Mediabask

A compañía Air Canada acusada de infrinxir a lei do bilingüismo canadense

A compañía aérea Air Canada foi acusada de non cumprir as leis do bilingüismo do Canadá tras ofrecer un servizo non adecuado en francés durante un voo.

Fonte: Business Traveler

A estación de ferrocarril de Leeds introduce un servizo en lingua de signos

A estación ferroviaria da cidade de Leeds, no Reino Unido, introduciu un servizo de tradución en lingua de signos británica. A información aparecerá proxectada en pantallas dixitais.

Fonte: BBC

O Tribunal Centroamericano de Xustiza reclama que o portugués sexa lingua oficial da ONU

O Tribunal Centroamericano de Xustiza propuxo ao Consello de Seguranza das Nacións Unidas que o portugués sexa recoñecido como lingua oficial da organización, ao igual que o inglés, o español, o francés, o chinés, o ruso e o árabe.

Fonte: Balai

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder