Mundo
A Comisión Europea cuestiona a etiquetaxe en catalán
A Comisión Europea considera nun informe sobre España que a obriga de etiquetar produtos en catalán pode aumentar os custos para as empresas e dificultar a integración do mercado europeo. Bruxelas advirte tamén de que as diferenzas normativas entre comunidades autónomas poden crear obstáculos ao comercio.
Fonte: Diari de la Llengua
Francia e o estado do Río de Xaneiro asinan un acordo para impulsar o ensino do francés
O Goberno francés e o estado brasileiro do Río de Xaneiro asinaron un acordo de cooperación para fortalecer a presenza da lingua francesa nas escolas públicas estatais. A iniciativa prevé accións de formación para o profesorado, intercambio de recursos educativos e programas destinados a ampliar a aprendizaxe do francés entre o alumnado.
Fonte: Diplomacia businesss
O Chad concédelle ao árabe o mesmo status ca ao francés no sistema educativo
O Goberno do Chad decidiu que o árabe estándar teña a mesma presenza ca o francés como lingua de ensino e avaliación nas escolas. A medida forma parte dunha reforma con importantes implicacións políticas e sociais, xa que reflicte cambios nas relacións de poder internas e no achegamento do país ao mundo árabe. Expertos advirten, porén, das dificultades para aplicar a reforma debido á escaseza de profesorado e materiais didácticos en árabe.
Fonte: The Conversation
Un proxecto reúne centos de persoas para falar catalán na Cataluña Norte
Preto de 700 persoas participaron en Parlem!, unha iniciativa desenvolvida en Perpiñán e noutras localidades da Cataluña Norte para facilitar o uso do catalán entre falantes, aprendices e persoas que o entenden. Os organizadores destacan que moitas veces se fala en francés con veciños e veciñas da zona porque se descoñece que tamén saben catalán, e consideran que o proxecto contribuíu a dar visibilidade á lingua no espazo público.
Fonte: Diari de la Llengua
Estudantes e docentes reclaman que o kurdo sexa recoñecido como lingua oficial en Siria
Estudantes e profesorado da cidade siria de Al-Hasakah reclamaron que a lingua kurda sexa recoñecida como segunda lingua oficial e incluída na Constitución de Siria. Os manifestantes critican que esta lingua se limite só a dúas horas optativas nas escolas e defenden o dereito das novas xeracións a recibir educación na súa lingua materna.
Fonte: Hawar News
O Consello de Europa pide que Italia continúe protexendo os dereitos das minorías nacionais
O Consello de Europa instou Italia a manter os seus esforzos para preservar e protexer os dereitos de doce minorías lingüísticas nacionais recoñecidas oficialmente. O organismo destaca a importancia de apoiar estas linguas e culturas minoritarias e recomenda reforzar as medidas destinadas á inclusión, á educación e á protección da diversidade lingüística e cultural.
Fonte: Council of Europe
Colombia introduce por primeira vez clases de lingua coreana nas escolas públicas
Colombia incorporará por primeira vez o ensino da lingua coreana no sistema público educativo. A iniciativa busca reforzar os intercambios culturais e educativos con Corea do Sur e ampliar as oportunidades académicas e profesionais do alumnado interesado na lingua e na cultura coreanas.
Fonte: Yonhap News Agency
As Terras Altas de Escocia poderían converterse nunha área de significación lingüística para reforzar o gaélico

O Consello das Terras Altas de Escocia propón declarar a súa rexión como “área de significación lingüística” baixo a nova Lei de Linguas de Escocia para apoiar o gaélico escocés. A medida busca beneficios educativos e económicos e baséase nas zonas de fala gaélica de Irlanda.
Fonte: BBC
A Administración Central Tibetana organiza un curso intensivo de lingua tibetana e filosofía budista
A Administración Central Tibetana con sede na cidade de Dharamshala, na India, organiza un programa intensivo de seis meses dedicado á aprendizaxe da lingua tibetana e ao estudo da filosofía budista. A iniciativa combina formación lingüística e cultural, ofrecendo unha inmersión profunda na tradición e no pensamento budista.
Un estudo revela que o uso da IA no xornalismo reduce a variedade da linguaxe
O uso crecente de ferramentas de IA no xornalismo está a facer que os textos sexan máis previsibles e menos variados. Esta automatización estilística leva a unha perda de diversidade expresiva e fai que moitas noticias compartan estruturas e formas de redacción moi semellantes.
Fonte: The Coversation
Boletín
Subscríbase ao boletín